A Xunta segue sen atender ós traballadores de residencias logo de 9 semanas de mobilizacións

A Conselleira de Política Social afirma estar disposta a "escoitar as demandas" dos traballadores, pero estes afirman que a Xunta non os atende.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2020 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

Representantes dos traballadores das residencias dependentes de Política Social realizaron este xoves unha concentración ante o edificio da Xunta en San Caetano para reclamar a dimisión da conselleira, Fabiola García, e a designación dun "interlocutor válido" que permita abrir unha "vía de diálogo" sobre as súas reclamacións.

A concentración prodúcese cando se cumpre a novena semana de mobilizacións para reclamar mellores condicións laborais e a "recuperación de dereitos suprimidos en 2012", unha circunstancia pola que hai dúas semanas entregaron firmas na Xunta esixindo a negociación das súas propostas.

Con todo, segundo dixo o representante de CC.OO., Emilio Doforno, a consellería deu silencio por resposta, polo que os representantes dos traballadores --de CIG, CSIF, UGT e CC.OO.-- reclamaron a súa dimisión.

"A conselleira leva desde que tomou posesión do seu cargo sen atender ás reclamacións dos traballadores, que se viron reforzados socialmente con motivo da COVID-19", dixo Doforno, que lembrou que durante a pandemia "todo o mundo recoñeceu que os profesionais dos centros públicos actuaran desde a responsabilidade e a profesionalidade", así como "asumindo un risco".

Con todo, apuntou Emilio Doforno, "cando toca ao Goberno dar unha resposta para falar das problemáticas herdadas desde 2012, dá silencio por resposta". Por iso, os representantes sindicais consideran que a conselleira "xa non é interlocutora válida para solucionar este conflito", e reclaman ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que propoña a outro interlocutor para "resolver este conflito" a través do diálogo.

RESPOSTA DA CONSELLERÍA

Protesta dos traballadores de residencias de Política Social ante a Xunta.
Protesta dos traballadores de residencias de Política Social ante a Xunta. | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, a conselleira de Política Social afirmou que a Xunta estará "sempre á beira dos traballadores públicos para escoitar as súas demandas e para continuar mellorando a súa calidade de traballo".

Preguntado acerca da protesta dos sindicatos e das súas esixencias, Fabiola García quixo "recoñecer o traballo de todos os profesionais e traballadores das residencias" durante estes meses "moi duros" nos que estiveron "protexendo aos maiores, un alicerce fundamental da sociedade".

Sobre as súas reclamacións, explicou que a Xunta está "disposta sempre a escoitar as demandas dos traballadores", aínda que, nestes momentos, dixo, é necesario "remar todos xuntos" e "continuar traballando para frear a chegada do coronavirus ás residencias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta