Educación abre o prazo para concorrer ós premios extraordinarios da ESO

Poderán alcanzar este recoñecemento un total de 20 alumnos cunha nota mínima de nove puntos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2020 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica este venres no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2019/2020.

Nun comunicado, o departamento detallou que poderán conseguir estes galardóns un total de 20 alumnos que cursasen este pasado ano académico o cuarto curso da Educación Secundaria Obrigatoria e que obtivesen no conxunto da etapa unha nota media igual ou superior a nove puntos.

A contía de cada premio ascende a 750 euros. Ademais, cada persoa galardoada recibirá un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. Os premios son compatibles, así mesmo, con calquera outro tipo de galardóns, bolsas ou axudas concedidas por algunha Administración pública competente ou calquera ente público ou privado, nacional, da Unión Europa ou organismos internacionais.

A finalidade destes premios, apuntan dende a Consellería, pasa por dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Alumnos, selectividade, exame, PAEG. EUROPA PRESS
Alumnos, selectividade, exame, PAEG. EUROPA PRESS | Fonte: UCLM - Archivo

EXAME

Os alumnos que soliciten estes premios deben realizar unha proba, que terá carácter único en todo o territorio da Comunidade, que se desenvolverá de forma simultánea nas distintas sedes. Para poder aspirar ao premio, deberanse obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 27 de xullo e o 21 de agosto. Subscribiranas directamente as persoas interesadas ou os seus representantes legais. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta