Isidro Dubert: "A situación demográfica actual débese aos efectos da emigración en épocas pasadas"

O historiador Isidro Dubert foi o editor do libro "A morte de Galicia" (Xerais) onde se cuestiona a política das autoridades galegas para afrontar o avellentamento da poboiación e a baixa natalidade. Con aportacións de diferentes sinaturas, o libro está concibido para explicar vías alternativas á política "natalista" apoiada polo goberno Feijóo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/08/2020 | Actualizada ás 22:13

Comparte esta noticia

-A morte de Galicia  é unha análise do actual fenómeno de avellentamento da poboación e dos ítems que a acompañan?
O libro é un ensaio histórico que vai contra a reinterpretación da nosa historia, concretamente da nosa historia demográfica e social, sobre todo en dous puntos que teñen un peso moi importante, a emigración e a vellez. Ambos os dous son elementos moi importantes na nosa historia que estaban sendo cuestionados por unha interpretación interesada, que pairaba a interpretación demográfica e social de Galicia. Dita interpretación importouse de Francia no seu estado orixinal de comezos do século XX, e a que se coñece co nome de natalismo. É moi sorprendente ver funcionar o vello natalismo francés de 1900 a 1940, que é unha interpretación moi conservadora contra a modernidade e contra o progreso económico e social, na Galicia de comezos do século XXI en estado puro. Unha visión sen orixinalidade e que, como se puido demostrar nos diferentes traballos do libro, pretende por unha relectura e reinterpretación do noso pasado histórico.

Isidro Dubert
Isidro Dubert | Fonte: Galicia Confidencial

-Elixir a liña do “natalismo” non é algo así como buscar unha interpretación “cómoda”, para afrontar o despoboamento?
O natalismo propón unha lectura da realidade que non é real. Unha lectura demográfica, mais logo económica, social e ideolóxica da realidade galega que está fora do mundo. Non podes analizar a realidade demográfica e social da Galicia do século XXI cos mesmos argumentos do século XX. Non esquecer que o natalismo é unha ideoloxía cuns trazos determinados. A demografía de Galicia non se pode ler hoxe cos mesmos argumentos que os de 1900-1940. No libro demóstrase que estas interpretacións, saídas e fomentadas por certas institucións políticas e culturais de Galicia, tomáronse palabra por palabra da interpretación francesa do século XX. Atribúese a realidade demográfica do país unha fase de “decadencia”, como se a poboación tivese unha fase de nacemento, xuventude, plenitude e decadencia. Mais a poboación non e unha persoa, non se pode falar cos mesmos termos que se fose unha persoa que nace, crece e morre. Segundo eses principios natalistas, a responsabilidade da “decadencia” demográfica recae primeiro nos vellos e logo nas mulleres, ás que se acusa de ser responsábeis da caída da fecundidade. É ese discurso da “negativa das mulleres a aceptar o seu rol natural de ser nais”. E nunca che din por que, ou sexa, nunca se fala, dos seus baixos salarios, alta mobilidade no emprego e subemprego. E logo, dicir que o despoboamento é consecuencia do avellentamento poboacional e da caída da fecundidade é negar a realidade histórica da emigración. Se estamos hoxe nesta situación demográfica, eu entendo que é en boa medida polos efectos acumulados da emigración de décadas pasadas.

É moi sorprendente ver funcionar o vello natalismo francés de 1900 a 1940, na Galicia de comezos do século XXI en estado puro.

-Cales son eses efectos?
Desde o século XIX Galicia coñece tres grandes vagas migratorias con trinta anos de diferenza entre elas. Durante ese tempo perdéronse arredor dun millón de galegos de entre 15 e 35 anos, xente moi nova que estaba no momento de poder achegar fillos á sociedade galega. Eses aportes non se produciron, se produciron tardiamente ou cando xa non se tiñan os fillos que un quixera ou puidera ter. É dicir, ata os anos setenta a emigración tivo como consecuencia a perda deses emigrantes e dos aportes demográficos estes que poderían ter feito ao país. Cada vaga migratoria implica perdas xente nova e da súa posible descendencia, e iso fai frear o crecemento poboacional e que a poboación avellente, isto último, porque houbo tamén unha mellora nas condicións de vida e na sanidade. O avellentamento da poboación non se produce só porque non se teñan fillos, é un proceso máis complicado. Mais o natalismo indica que a culpa do avellentamento é das mulleres e dos propios vellos, que son criminalizados e sinalados.

-No libro apúntanse cinco grandes vagas migratorias na historia de Galicia. Imos pola sexta?
Non, agora mesmo estamos no comezo da quinta. Mais desde mediados do século XIX houbo tres grandes vagas. A primeira de 1860 a 1930, a segunda de 1950 a 1975. Esta segunda supuxo que en 1970 houbese en Galicia menos poboación que en 1950. Iso amosa o seu impacto demográfico. E a terceira comeza uns anos antes da crise de 2008, que é cando se inicia un ciclo de entradas e saídas do país, no que pesarán e se consolidarán as saídas a medida que calle a crise.

Segundo os principios natalistas, a responsabilidade da “decadencia” demográfica recae primeiro nos vellos e logo nas mulleres.

-Entendo que existen uns factores detrás de todas estas vagas emigratorias. Cada unha desas vagas ten os seus factores determinados?
Esas vagas veñen animadas pola situación socioeconómica de Galicia. Desde a entrada na Unión Europea, todos os cartos que chegaron a Galicia non foron capaces de crear emprego de calidade e de futuro. Hoxe por hoxe, temos a xeración mellor preparada da nosa historia, e esa xeración se estaba formando durante a chegada de todas esas axudas, mais unha vez lista atopouse sen un mercado de traballo axeitado ás súas competencias e sen un traballo de calidade e de futuro no país. Que se fixo con eses cartos? Agora vemos titulados e tituladas universitarias subempregadas, empregadas en precario e mal pagadas, sen perspectivas en Galicia e o que fan é emigrar. Falar de emigración é falar das causas sociais e económicas que a impulsan. Unhas causas que tamén teñen que ver coa existencia dunhas determinadas relacións de poder, que pouco parecen ter mudado.

-Existe algún motivo para revalorizar ou volver poñer sobre a mesa o natalismo como política demográfica?
Galicia converteuse estes últimos anos nun laboratorio de determinadas “propostas demográficas” promovidas pola Xunta de Galicia que presenta avaladas “cientificamente” por determinados “institutos de estudos”, digo institutos porque así se autodenominan os thinks tanks do PP en Madrid. Os estudos destes thinks tanks son claramente ideolóxicos, destinados a promover e avalar unha política demográfica e social centrada nos valores da familia tradicional e no diferente rol sexual e social de homes e mulleres. A estas últimas tocaríalles ser nais e amantes esposas, para así fomentar a natalidade. Pretenden deste xeito reverter a situación demográfica de Galicia. Pero son presupostos moi inxenuos que copian en parte o vello modelo natalista do franquismo con ese discurso de “ten fillos, que eu póñoche a gardería gratis, douche un plus salarial por crianza…”. Está historicamente demostrado que ese tipo de políticas non promoven a natalidade. Animar a ter un fillo na sociedade de hoxe en día supón que tes que ter en conta a liberdade da parella, a liberdade da muller e logo as súas circunstancias económicas e sociais concretas dun e doutra. Hai que ter medios materiais para criar os fillos. De feito, hai enquisas da propia Xunta nas que se preguntaba ás mozas: “cantos fillos vas ter?”. A resposta era un. Logo preguntábanlle cantos quererían ter, e a resposta era dous ou máis. Detrás destas respostas hai un cálculo das posibilidades económicas e sociais dun mesmo. É a situación económica e social na que te desenvolves a que te da ou che quita as posibilidades de ter os fillos que queres. As políticas demográficas natalistas acaban neste senso convertidas en políticas ideolóxicas.

Animar a ter un fillo na sociedade de hoxe en día supón que tes que ter en conta a liberdade da parella, a liberdade da muller e logo as súas circunstancias económicas

-Non obstante, co tempo fóronse creando e implementando políticas de conciliación durante os últimos anos.
As políticas de conciliación propostas en Galicia pouco ou nada teñen que ver coas políticas de conciliación real que se  practican en Europa. Aquí a conciliación sería o “teletraballo” ou a gardería gratis, sen máis. Iso é presentado como conciliación, mais realmente non o é. A conciliación para as mulleres é que accedan e non abandonen o mundo laboral, que teñan emprego de calidade e de futuro nel e que a súas perspectivas e ambicións laborais non se vexan afectadas negativamente polo feito de seren nais. Hai uns anos, a presidenta da pequena e mediana empresa de Madrid, que era unha muller, dicía en declaracións públicas que prefería contratar a mulleres maiores, xa na menopausia, que a mozas novas que puideran ter fillos. Esa mentalidade empresarial non fomenta a natalidade, se ques ese fomento, aumenta os salarios, dá estabilidade, incrementa a presenza das mulleres no mercado de traballo, procura  que non o abandonen e que a maternidade non condicione as súas perspectivas vitais e a súa carreira laboral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

E logo, ¿ Por qué no Pais vasco ( onde non houbo emigración) hai tamén un envellecemento brutal ? Desde logo a emigración en Galicia terá moito que ver, pero non asumir que a xente hoxe non quere ter fillos porque da moito traballo é algo infantil. A xente que ten fillos son os de Marrocos, non os de Suecia. Nos paises ricos a xente ten moi poucos fillos. Pero claro sempre é mais popular dicir que a culpa é dous outros e nos, nunca, xamais, temos culpa de nada.

1 Irimia

Negacionistas de Isidro?