A programación cultural da Deputación de Pontevedra ten unha "demanda brutal"

A presidenta Carmela Silva presume da oferta de actividades financiadas pola institución provincial en "apoio ao sector da cultura".

Por E.P. | Pontevedra | 24/07/2020 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou este venres que a programación cultural que está a desenvolver o organismo provincial ten unha "demanda brutal" entre a cidadanía.

Carmela Silva.
Carmela Silva.

"Estamos a acertar na oferta", xustificou pola resposta social ante a oferta de actividades financiadas pola institución provincial en "apoio ao sector da cultura, que o está pasando moi mal" pola crise derivada da pandemia e para evitar "que caia".

"Somos a Administración pública que máis actividade cultural está a xerar na provincia", asegurou Carmela Silva ao termo da xunta de Goberno. Así, durante o verán, programáronse 13 actuacións na comarca de Deza-Tabeirós, 12 no Salnés, 11 en Pontevedra, 14 en Vigo, oito no Morrazo, outras tantas en Baixo Miño e 14 en Condado-A Paradanta.

Son "ducias de actividades, como nunca ocorreu nesta provincia", explicou a presidenta, para levar propostas de lecer relacionadas coa música, as visitas aos castelos ou o deporte sustentable "a moitos concellos que non poderían gozar da cultura". Neste sentido, destacou que as prazas ofertadas esgótanse en practicamente todas as sesións, incluso completando as listas de espera. "E máis prazas que tivésemos, máis xente habería", engadiu.

'PRENDENDO BUTACAS'

Precisamente, Carmela Silva presentou a programación de funcións de teatro 'Prendendo butacas', que se desenvolverá en dez localidades das distintas comarcas da provincia entre os meses de outubro e decembro, a cargo de compañías profesionais da provincia de Pontevedra. Enmarcadas na iniciativa 'Re-Acción Cultural', estas actuacións chegarán "a concellos de todas as cores políticas, sempre co criterio de que os recursos cheguen a todos os veciños, sen importar por quen estean gobernados", precisou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta