Olalla Rodil: "A Xunta recomenda reunións de menos de 25 persoas pero nunha aula pode haber máis de 30"

Acusa de "primar" criterios económicos fronte a sanitarios e piden velar polas medidas sanitarias en colexios públicos, concertados e privados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2020 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A deputada electa, Olalla Rodil, reclamou a comparecencia da conselleira Carmen Pomar, agora en funcións, polo "claro rexeitamento" ao protocolo de inicio do curso escolar coas medidas derivadas da crise sanitaria polo coronavirus.

En rolda de prensa, Rodil manifestou que "a situación é o suficientemente importante e grave como para que a conselleira compareza e dea explicacións". Por iso, o BNG solicitará a comparecencia urxente da conselleira para abordar esta cuestión na deputación permanente ou a volverá a rexistrar na lexislatura que está a piques de comezar.

"Como pensan garantir espazos seguros fronte ao coronavirus?", preguntouse Olalla Rodil, quen apelou ao "rexeitamento da comunidade educativa" --organizacións sindicais, Anpas e equipos directivos--.

A deputada electa pediu, así mesmo, á Xunta que "deixe de botar balóns fóra, deixando as responsabilidades noutras administracións" e nos propios centros educativos. "Hai un enorme malestar e preocupación no conxunto das familias, na dirección dos centros", remarcou Rodil, quen avisou de que "se están primando os criterios económicos por encima dos da saúde": "non pode ser, a saúde ten que ser o primeiro".

TRES ASPECTOS

Na rolda de prensa, Rodil mencionou "tres aspectos" que "fan inviable" a situación actual e que requiren a "comparecencia" no Parlamento: máis investimento público, a "derivación" de casos e a "falta de diálogo absoluta".

En canto ao investimento público, Rodil denunciou que o protocolo Covid-19 para centros non está "acompañado de orzamento", senón que "son medidas a custo cero". Así, recriminou que se pretenda aplicar medidas sen investimento e reprochou a "dobre vara de medir" da Xunta: recomenda reunións de menos de 25 persoas nas casas e "para os centros de ensino parécelle ben que nunha aula de Bacharelato poida haber máis de 30 estudantes durante horas convivindo".

En canto ao segundo aspecto, referiuse a deriva "de responsabilidades aos centros de ensino, cuxos equipos directivos "nin son sanitarios nin teñen a formación" para ocuparse de, por exemplo, a compra de materiais.

En terceiro lugar, mencionou a "falta de diálogo" e o "desprezo absoluto que mostrou co conxunto da comunidade educativa" no deseño deste protocolo que, por "puro oportunismo político" non se presentou --dixo-- ata pasadas as eleccións do 12 de xullo.

"IRRESPONSABLE"

Para o BNG, a Xunta "fai como que non pasa nada, continúa coa folla de ruta habitual, pechando escolas unitarias no rural". Fronte á "soberbia, moi especialmente nos últimos meses, negociar e dialogar cos centros, Anpas e concellos", pediu.

Sobre a repartición de fondos da 'reconstrución', Rodil incidiu que non só para a educación pública, senón que en xeral "teñen que terse en conta os criterios de dispersión" e "a Galicia teñen que chegar os fondos que necesitan os galegos".

Tamén dixo que hai que "garantir" as medidas "no conxunto de centros de ensino" do país, sexan públicos, concertados ou privados, aínda que matizou que a postura do Bloque sobre os concertos "non é nada nova" e está encamiñada a reforzar o ensino público e acabar con este modelo.

Olalla Rodil, deputada electa e responsable de Educación na pasada lexislatura
Olalla Rodil, deputada electa e responsable de Educación na pasada lexislatura | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta