Desmantelan unha festa ilegal nun barco na Illa na que participaban 20 persoas sen máscara nin distancia

O barco fora alugado por un veciño de Vilanova de Arousa que, a pesar de que se facía pasar polo patrón do barco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2020 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Pontevedra desmantelou o pasado domingo unha festa ilegal celebrada a bordo dun veleiro fondeado na Illa de Arousa, na que participaban unha vintena de persoas sen máscara e sen respectar a distancia de seguridade.

Foi a última hora da tarde cando os axentes recibiron unha chamada na que se alertaba de que se estaba celebrando unha festa con música e "moita xente" a bordo dun veleiro na Illa. Ás 20,50 horas, unha patrulleira do Servizo Marítimo da Garda Civil localizou o veleiro fondeado nas proximidades dunha praia e observaron que na cuberta había "unha importante aglomeración de xente sen respectar a distancia mínima de seguridade, consumindo bebidas alcohólicas e sen facer uso das máscaras".

Ao proceder á inspección do veleiro, púidose comprobar que fora alugado por un veciño de Vilanova de Arousa que, a pesar de que se facía pasar polo patrón do barco, non chegou a presentar ningún título administrativo que o habilitase para esta función. Ademais, carecía do contrato de arrendamento e tampouco puido acreditar que estivese ao corrente de pago do seguro de responsabilidade civil obrigatorio.

A pesar de que a pasaxe máxima do veleiro era de 12 persoas, contabilizáronse 22, que, ademais, non levaban na súa maior parte máscaras nin respectaban a distancia de seguridade, como establecen os protocolos contra a COVID-19.

A incidencia concluíu coa disolución da festa e o traslado do veleiro ao peirao de Vilanova de Arousa. Ao mesmo tempo, formuláronse as preceptivas denuncias administrativas, que se remitiron á Consellería de Sanidade e á Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa.

Desmantelada unha festa nun barco na Illa de Arousa.. GARDA CIVIL
Desmantelada unha festa nun barco na Illa de Arousa.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta