Os concellos rebélanse contra a Xunta por ter que facerse cargo da desinfección dos colexios sen axuda

Educación bota balóns fóra e insta ó Goberno central a aportar máis fondos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, criticou este mércores que a Xunta non vaia a habilitar un fondo extraordinario para compensar aos concellos polas tarefas de limpeza derivadas da pandemia pola COVID-19, que deberán asumir nos centros escolares de primaria.

Así se pronunciou tras unha reunión coa conselleira de Educación, Carmen Pomar, este mércores, que considerou "boa nas formas e moi mala no fondo". Os alcaldes, dixo, están "preocupados" por este gasto en limpeza. "Cárgase de obrigacións aos concellos, que non imos ter moita capacidade de asumilas", dixo.

Computadores dunha aula Abalar da Xunta, colexio. XUNTA - Arquivo
Computadores dunha aula Abalar da Xunta, colexio. XUNTA - Arquivo

A XUNTA MIRA PARA MADRID

A única posibilidade que traslada o Goberno autonómico para que os municipios conten con fondos adicionais para este fin é "que veñan do Estado", reprochou. Precisamente, a conselleira replicou que a Xunta está á espera de coñecer como se concretan as transferencias especiais que fará o Executivo central pola crise sanitaria, parte das cales serán para educación, para comprobar se se reserva unha parte a este aspecto.

Varela, pola súa banda, considerou que os concellos levan "anos" asumindo unha competencia "impropia" coa limpeza destes centros educativos e as obras de mantemento. O próximo curso esixiranse desinfeccións diarias de aseos e zonas comúns nos colexios.

"Haberá concellos que teñan moitos problemas para sufragar economicamente isto, ademais dos problemas técnicos e legais que poida haber por modificacións contractuais", protestou. "Todos os alcaldes, de todos os signos políticos, manifestaron o seu rexeitamento e a súa preocupación por estas medidas que imos ter que asumir", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta