Situación 2 nun lume en Cualedro pola perigosa proximidade a vivendas

O lume afecta xa a 60 hectaŕeas podería saltar ao país veciño. Iniciouse moi preto do que aínda está activo en Monterrei.

Por Galicia Confidencial | Cualedro | 29/07/2020 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

Un novo incendio provocado comezou esta tarde na comarca de Monterrei, desta volta, en San Millán, concello de Cualedro, a pouca distancia do que aínda está activo en Monterrei e tamén ao carón dunha aldea o que está provocando situacións moi complicadas en varias vivendas.

Incendio en Cualedro, preto dunha aldea en San Millán
Incendio en Cualedro, preto dunha aldea en San Millán | Fonte: remitida

Segundo informa a Consellería de Medio Rural a Europa Press, "a prioridade é defender as casas" desta aldea nun incendio que queima unhas 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións.

O incendio comezou sobre as 14.00 horas e está a moi pouca distancia da raia con Portugal polo que, dependendo da dirección do vento, podería cruzar ao país veciño. De feito, o vento está complicando moito as tarefas de extinción e está facendo que o lume se achegue perigosamente a vivendas. Por iso, os veciños piden xa a declaración de situación 2.

Polo momento están afectados os núcleos de San Millán, A Madanela e San Cristobo e a fronte do lume avanza con forza dirección Medeiros. "Hai moito vento, é moi perigoso", comentan en declaracións a GC.

Pola súa banda, segue activo aínda o incendio rexistrado o pasado venres na parroquia de Flariz, do municipio ourensán de Monterrei. A superficie afectada por este lume ascende ás 720 hectáreas, das que 450 son forestais (400 rasas e 50 arboredos) e as restantes 270 son agrícolas. Nos labores de extinción participaron catro técnicos, 33 axentes, 83 brigadas, 35 motobombas, dúas pas, nove helicópteros e 12 avións, así como afectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta