A analítica Covid dunha traballadora atrasa a xuntanza do grupo parlamentario do PSdeG

O contacto desta operaria do PSdeG en Ourense cun positivo provoca que se pospoña a xuntanza ata coñecerse os resultados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2020 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

O contacto dunha traballadora do PSdeG en Ourense cunha persoa que deu positivo por COVID-19 obrigou a atrasar a primeira reunión presencial e a primeira foto conxunta do Grupo Parlamentario Socialista, que estaba convocada para este xoves, posto que se considerou máis seguro que os deputados da provincia non se desprazasen.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, explicou en declaracións aos medios que unha persoa que traballa no PSdeG en Ourense, que non é un cargo público, estivo o pasado fin de semana cun grupo de persoas, entre as cales se detectou un caso de COVID-19. Este mércores a traballadora someteuse a un test rápido, que deu negativo, e está este xoves á espera de que lle comuniquen o resultado da proba PCR.

"Pareceunos que, para manter todas as cautelas, os deputados de Ourense non se desprazasen hoxe a Compostela, á espera do resultado desa proba", indicou Caballero, antes de reunirse co resto de deputados socialistas electos.

O secretario xeral dos socialistas galegos manifestou o seu desexo de que a PCR arroxe un resultado negativo e sinalou que buscarán día e hora a próxima semana para facer a reunión de todo o grupo en Santiago e comezar "con toda a forza e todo o impulso" o novo curso político.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na sede do partido en Santiago
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na sede do partido en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta