Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 30/07/2020 | Actualizada ás 17:44
O dono dun local de lecer nocturno da Coruña que deu positivo en coronavirus fai "ao redor de dúas semanas" está pendente de que a segunda proba, realizada na mañá deste xoves, confirme que está libre de virus. O establecemento traballou con normalidade nos últimos días tras a súa desinfección e con novos empregados.
"Non teño síntomas. Desde o primeiro día estiven perfecto", explica, nunha entrevista a Europa Press, e descarta que o establecemento puidese ser foco de contaxio. "Traballo na cabina, que está alta e estou eu só, non sobe ninguén", detalla. O hostaleiro afirma que se fixo o test polo positivo dun amigo co que coincidira nun encontro casual pola rúa.
O outro propietario do local e os dous traballadores do mesmo deron negativo na PCR practicada polo Sergas. Tamén outra decena de coñecidos sometéronse á proba, apunta, e tampouco teñen a enfermidade. "Sospeito que foi un falso positivo", subliña e cualifica de "moi remota" a posibilidade de que houbese contaxios no pub.
O hostaleiro defende que Sanidade lle permitiu abrir as portas do pub e así o fixo, tras desinfectalo e contratar outros empregados. "Pregunteilles pasos a seguir e dixéronme que, se desinfectabamos todo, podíase traballar", detalla. Aínda así, se o seu resultado é negativo, esta fin de semana abrirá cos traballadores habituais e "con normalidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.