Detidas 10 persoas e incautadas máis de 2.000 plantas de marihuana no cultivo máis sofisticado achado en Galicia

A plantación, na localidade coruñesa de Aranga, tiña capacidade para producir 8.000 plantas ao ano, estaba dotada de tecnoloxía avanzada, valorada en máis de 60.000 euros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/07/2020 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

A Garda Civil desarticulou, tras varios meses de investigación, un dos grupos "máis activos" de Galicia dedicados ao cultivo e venda de marihuana, unha intervención que se saldou con 10 persoas detidas e máis de 2.000 plantas de marihuana intervidas na localidade coruñesa de Aranga.

Droga incautada en Aranga
Droga incautada en Aranga | Fonte: GARDA CIVIL.

Segundo informou a Garda Civil, xa no mes de febreiro procedeuse á detención en Culleredo do principal distribuidor de marihuana relacionado co grupo investigado, que foi interceptado cun quilo de cogollos preparados para a súa venda.

Posteriormente, no mes de xullo, procedeuse á detención doutra persona na localidade de Ordes, cando se dispuña a entregar un paquete con 250 gramos de cogollos de marihuana.

Finalmente, este martes concluíuse a operación coa detención de oito membros do grupo que foron sorprendidos in fraganti cando se dirixían a unha antiga nave porcina situada en Aranga para proceder ao corte e preparación de 600 plantas de marihuana.

Tras a detención, procedeuse ao rexistro domiciliario dos dous principais investigados, en Cerceda e Vilasantar, e de dúas naves nas localidades de Aranga e Cerceda.

Como resultado da operación, incautáronse unhas 2.000 plantas de marihuana, dous quilos de cogollos preparados para a súa venda e distribución, 3.210 euros en metálico, básculas de precisión e material informático, así como tres vehículos.

A Garda Civil apuntou que, até o momento, trátase do cultivo de marihuana máis sofisticado achado en Galicia. A plantación que tiña capacidade para producir 8.000 plantas ao ano, estaba dotada de tecnoloxía avanzada, valorada en máis de 60.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pero en que quedamos... non tiñamos que incentivar a Economía Verde ?