A Xunta creará a marca 'Leite de Pastoreo de Galicia'

Tamén levará a cabo un estudo dos custos de produción das explotacións lácteas galegas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2020 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A Xunta levará a cabo un estudo dos custos de produción das explotacións lácteas galegas e creará a marca 'Leite de Pastoreo de Galicia', dúas iniciativas enmarcas na Estratexia de dinamización do sector que impulsa a Consellería de Medio Rural e que coordina nos seus aspectos técnicos a Fundación Juana de Veiga.

Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)

Con este obxectivo, manterá en próximas datas reunións con axentes do sector lácteo para acordar estas medidas. Precisamente, para implementar estes traballos, o Consello autorizou este xoves a firma, por parte de Medio Rural, dunha addenda de modificación á prórroga do acordo coa Fundación Juana de Veiga para desenvolver esta estratexia.

O acordo inicial asinouse con data do 1 de agosto de 2019 para a coordinación, organización e funcionamento dos grupos de traballo sobre o sector lácteo creados pola Consellería con esta finalidade. Agora modifícase e prorroga o convenio, co obxectivo de facer un estudo dos custos de produción das explotacións.

Así, a Xunta considera necesario dispor dun sistema de información rigoroso e representativo destes custos, atendendo aos diferentes estratos de tamaño das granxas. Unha necesidade que, conforme apuntou, refórzase pola entrada en vigor do Real Decreto estatal que establece que o prezo pactado entre o produtor e o seu primeiro comprador debe cumprir os custos de produción.

Outra necesidade detectada, segundo sinala, é a de desenvolver unha normativa reguladora para as novas marcas de calidade, como o leite de pastoreo. Trátase de unificar criterios, evitar crear confusión ao consumidor e a consecuente perda de credibilidade, creando para iso a marca específica 'Leite de Pastoreo de Galicia'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta