A X Lexislatura remata sen que Feijóo queira comparecer para falar da pandemia e do foco da Mariña

Puy (PPdeG) acusa á oposición de "pouca contención" no uso dos seus dereitos e replícanlle que o "virus non entende de eleccións". Despídense os deputados de Común da Esquerda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2020 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A X Lexislatura saldouse este venres, a unha semana de que se constitúa a nova cámara galega, cun novo desacordo entre o PPdeG --que ostenta a maioría absoluta-- e os grupos da oposición, un dos cales escusou a súa asistencia (o Mixto, composto por deputados de En Marea) e outro, o Grupo Común da Esquerda, que xa non ten representación no futuro hemiciclo.

"Non sei se existimos", ironizaron os parlamentarios Antón Sánchez e Ánxeles Cuña, que fixeron uso desa palabra galega que significa última, sen ocasión de que haxa unha seguinte, ao asegurar que era a súa "derradeira" intervención no Pazo do Hórreo.

Á marxe desta ironía, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, apoiouse precisamente en que a deputación permanente "xa non representa" á cidadanía tras o pronunciamento das urnas o pasado 12 de xullo para negar, xunto con outros argumentos, que compareza o presidente da o Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para abordar a crise sanitaria da covid-19 e, en concreto, o brote da Mariña.

Os catro grupos parlamentarios que compuñan o hemiciclo galego na lexislatura que vive os seus últimos días pediron o 6 de xullo, antes da cita coas urnas, pero xa coa campaña iniciada, a comparecencia de Feijóo ao xurdir o foco nunha comarca que mantivo un confinamento perimetral de 14 concellos e que levou a unha polémica política pola celebración dos comicios na que electores que eran positivo de covid non podían acudir ás urnas.

Fronte á pertinencia que este venres volveron defender BNG, PSdeG e Grupo Común da Esquerda para que Feijóo dese explicacións, en xeral, sobre a crise sanitaria, Pedro Puy achacou a petición a unha intención electoral e defendeu que o goberno está actualmente en funcións. Con todo, mostrouse seguro de que acudirá á cámara galega en canto se renove a actividade ordinaria e comece o novo período.

Na súa intervención, Puy chegou a recriminar á oposición a "pouca contención" por parte dos grupos de en fronte á hora de usar as súas "prerrogativas" parlamentarias, ao que lle replicaron, en palabras de Olalla Rodil (BNG), que "o virus non entende de calendario electoral".

Mesa da Deputación Permanente, que este venres día 31 de xullo celebra unha sesión para pedir a comparecencia de Feijóo e Carmen Pomar
Mesa da Deputación Permanente, que este venres día 31 de xullo celebra unha sesión para pedir a comparecencia de Feijóo e Carmen Pomar | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Patético comportamento !