Temas: FESTAS A CORUñA

As festas da Coruña redúcense a unha semana, con entradas baixo reserva e cun cartel "cento por cento galego"

Borja Quiza e Luar na Lubre actuarán en María Pita e o Concello colocará os asentos con distancia e desinfectará os recintos.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 31/07/2020 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

As festas da Coruña arrincarán este sábado, 1 de agosto, e reduciranse a unha semana, con 49 actos cuxa asistencia terá que reservarse a través da páxina web do Concello. O cartel, explicou o concelleiro Juan Ignacio Borrego, será "cento por cento galego", con catro escenarios e un programa "simultáneo" ata o vindeiro domingo, día 9.

Actuación de Luar na Lubre.
Actuación de Luar na Lubre.

"Non hai nada máis terapéutico que a música", destacou o edil en rolda de prensa, na que defendeu que o Goberno local "responde á chamada da cultura con responsabilidade". Así, haberá "estritas medidas de seguridade", con espazo de 1,5 metros entre asentos, xel hidroalcohólico a disposición do público e desinfección entre espectáculos.

Todos os eventos serán gratuítos, pero os asistentes terán que reservar un máximo de dúas entradas, que deberán ser nominais, a través da páxina web e dous días antes da súa celebración. Desde o Concello reclaman que a cidadanía chegue 30 minutos antes do inicio dos actos para evitar aglomeracións.

"Pedimos que non se presente ninguén se ten síntomas próximos ao coronavirus", engadiu o concelleiro, que afirmou que o Goberno local estará "pendente" dos datos do Sergas por se fose necesario cancelar algún dos actos. "Á marxe do caso do fútbol, estamos dentro da tranquilidade", asegurou.

ACTUACIÓNS

As festas da Coruña arrincarán este sábado coa actuación do barítono Borja Quiza na praza de María Pita. "A música estivo antes, durante e estará despois da pandemia", apuntou o cantante, que avanzou que o concerto se baseará en boleros con arranxos latin jazz.

O domingo será a quenda de Luar na Lubre, tamén en María Pita. O seu líder, Bieito Romero, explicou que, tras dez recitais na cidade, este será "o máis raro". A formación presenta novo disco e tamén tocará "temas clásicos". Sés actuará o día 5 de agosto no parque de Santa Margarita.

O programa complétase con dez actuacións infantís, entre as que destaca a de Pablo Díaz, e cunha xornada, o día 6, dedicada á música tradicional galega con agrupacións como Donaire. Neste mes, apuntou o concelleiro, tamén se celebrarán as feiras do libro e do libro antigo, Mostrart e Viñetas desde o Atlántico, así como o Festival Noroeste.

Temas: FESTAS A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta