Por Europa Press / Redacción | Ourense | 01/08/2020 | Actualizada ás 11:05
O foco de coronavirus detectado no municipio ourensán de Vilar de Barrio, e que obrigou a hospitalizar a un matrimonio de nonaxenarios, suma dous novos positivos e alcanza os nove casos activos, mentres que o localizado en Baños de Molgas mantense en tres casos, como en días anteriores.
Así o confirmaron fontes da área sanitaria, que apuntaron que na última xornada detectáronse dous novos casos positivos na área, vinculados ao brote de Vilar de Barrio e ningún cambio con respecto ao de Baños de Molgas.
Ademais, destacaron que das case 150 PCR realizadas na área sanitaria de Ourense durante a última xornada só se detectaron estes dous positivos novos. As autoridades sanitarias continúan avanzando na identificación e seguimento dos contactos estreitos dos novos positivos.
O primeiro caso deste brote detectouse o mércores, cando unha muller de 91 anos tivo que ser ingresada no hospital e resultou positivo en COVID-19. O seu home, de 90, tamén restuou positivo. A raíz da análise de contactos, as PCR permitiron localizar desde esa xornada outros sete casos, aínda que non foi necesario ningún ingreso hospitalario adicional.
Por mor destes datos, o Concello de Vilar de Barrio decidiu tomar medidas de protección como a intensificación das desinfeccións, a suspensión de actividades de lecer grupal ou o peche preventivo e temporal da piscina municipal.
BAÑOS DE MOLGAS
Por outra banda, o brote con tres casos detectado no municipio ourensán de Baños de Molgas continúa sen cambios unha xornada máis. A primeira paciente identificada neste foco é unha muller de 79 anos que se atopa ingresada no hospital. Dous dos seus contactos deron tamén positivo por COVID-19.
Dentro deste brote, Sanidade identificou inicialmente 21 contactos, parte deles residentes fóra de Galicia, aos que se practicaron probas PCR. Polo momento, non hai novos positivos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.