Dous incendios queiman xa 100 hectáreas en Viana do Bolo e rexístrase outro en Ames

Os incendios na localidade ourensá localízanse nas parroquias de Pradorramisqueo e Rubiais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2020 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

As hectáreas afectadas polo incendio que permanece activo na parroquia de Pradorramisqueo de Viana do Bolo, en Ourense, ascenden a 50; mentres que outro lume foi rexistrado en Bugallido, no municipio coruñés de Ames.

Chegada da Brif Laza ao incendio de Pradorramisquedo, Viana Do Bolo (Ourense)
Chegada da Brif Laza ao incendio de Pradorramisquedo, Viana Do Bolo (Ourense) | Fonte: Brif Laza.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o incendio que continúa activo en Viana foi rexistrado ás 10,28 horas do luns en Pradorramisquedo e queima xa 50 hectáreas. No lugar mobilizáronse seis axentes, 21 brigadas, dúas motobombas, catro avións e sete helicópteros.

Pola súa banda, o outro lume que afecta a este municipio, declarado na parroquia de Rubiais, quedou controlado este martes ás 18,45 horas e a superficie afectada é tamén de 50 hectáreas.

ACTIVO OUTRO LUME EN AMES

Ademais, fontes de Medio Rural consultadas por Europa Press informaron de que permanece activo outro incendio detectado ás 19,03 horas deste martes na parroquia de Bugallido, en Ames (A Coruña).

As primeiras estimacións da consellería cifran a superficie afectada nunhas dúas hectáreas. Con todo, estas fontes sinalan que se trata dunha medición "inicial" xa que "hai vento na zona".

Na súa extinción participan tres axentes, dez brigadas, cinco motobombas e tres helicópteros. Ademais, mobilizouse un helicóptero máis e dous avións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alienao

Galiza arde en festas!