Identificados a 25 menores que facían botellón sen máscara en Poio

Un mozo tivo que ser trasladado ao Hospital de Montecelo tras quedar inconsciente polo consumo de alcol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2020 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

A Policía Local da localidade pontevedresa de Poio identificou na tarde do pasado luns a 25 menores de idade que consumían alcol nun espazo público situado no lugar de Cidrás, na parroquia de Combarro. Segundo informaron fontes da Xefatura da Policía Local de Poio, boa parte dos mozos son veciños doutras localidades veciñas.

Xa se están tramitando os pertinentes expedientes de sanción, xa que a práctica do botellón está actualmente prohibida pola Xunta de Galicia, dentro das directrices establecidas en materia de seguridade contra a pandemia da COVID-19. Ademais, os axentes constataron que os identificados non utilizaban máscara, o que tamén supón unha infracción da normativa vixente.

Os feitos tiveron lugar ao redor das 18,30 do luns 3 de agosto. Foi entón cando unha patrulla se desprazou ata a zona, despois de recibir o aviso por parte de residentes en Cidrás. Os axentes incautaron varias botellas de bebidas alcohólicas. Ademais, a un dos identificados fóronlle requisadas doses de marihuana. Un dos mozos tivo que ser trasladado ao Hospital de Montecelo, ao atoparse inconsciente, froito do consumo excesivo de alcol.

Os axentes municipais fixeron un chamamento á veciñanza e aos turistas para que cumpran as medidas de distanciamento, hixiene e uso de máscaras, para evitar posibles contagios e rebrotes. Ademais, o corpo de seguridade anima á cidadanía a que informe de situacións como a sucedida este luns, no caso de que teña constancia delas.

Botellón. DUAL
Botellón. DUAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta