Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2020 | Actualizada ás 20:30
O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero e o concelleiro de Participación Cidadá, Víctor Fernández foron os encargados de presentar aos medios o novo proceso de Orzamentos Participativos do Concello de Ames.
No transcurso da presentación, o alcalde manifestou a importancia de aportar ideas e proxectos a través dos Orzamentos Participativos e destacou que aínda que non sexan elixidos para facer a través deste programa quedan aí e poden executarse doutros xeitos.
Pola súa banda, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero amosou a ilusión que lle facía comezar de novo o proceso de Orzamentos Participativos: "Comezamos con ilusión os novos OP2020, e imos traballar ademais do noso Rural e Mocidade, en áreas novas como Muller, Cultura e Medioambiente, áreas transversais que enriquecerán sen dúbida a iniciativa dos OP. Convidamos a toda a veciñanza a que participe e presente as súas propostas."
Víctor Fernández, concelleiro de Participación Cidadá, salientou a importancia das asembleas territoriais que se materializarán en 13, unha por cada unha das parroquias e das vilas de Bertamiráns e Milladoiro.
200 MIL EUROS PARA O ORZAMENTO DE 2021
As actuacións desenvolveranse ao longo do 2021 segundo as seguintes cantidades: 120.000€ para investimentos no conxunto do rural; 40.000€ para investimentos dirixidos á mocidade; 10.000€ destinados a actividades ou programa dirixidos á mocidade, 10.000€ destinados actividades ou programas dirixidos á muller; 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos á cultura; e 10.000€ destinados a actividades ou programas dirixidos ao medio ambiente.
COMO PARTICIPAR NOS ORZAMENTOS
Facendo propostas e votando as propostas. Calquera persoa, sen límite de idade, pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e ter os 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos cumpridos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.