Por gcdeportes | Santiago de Compostela | 09/03/2013 | Actualizada ás 10:20
Había expectación polo regreso de Tomás de Dios ao Sar. O seu novo equipo, o Fisiomedia Manacor, viña de dar a sorpresa na xornada anterior e vencer ó Ríos Renovables na casa. Pola súa parte, o Santiago Futsal, viña tamén de derrotar ao Puertollano. O choque comezou moito máis igualado do que se esperaba, cun Fisiomedia moi valente e que non se achicou en toda a primeira parte.
O dominio inicial visitante traduciuse nun par de ocasións claras nas que Álex estivo atento e puido rexeitar sen problemas. Pero a intensidade do conxunto local foi dando, como sempre, os seus froitos a pesar de non se traducir no luminoso. Alan, moi activo de cara a portería, mandou un balón ó poste cando restaban sete minutos para o descanso. Non foi a única ocasión clara para o conxunto santiagués. Faltando cinco minutos, Pazos envía un remate de cabeza á madeira e, a piques de chegar ao descanso, Lucho errou un claro man a man contra Toñete.
A segunda parte do partido seguiu un transcurso parecido ó primeiro tempo. Demasiados erros de cara á meta e demasiado medo ó rival. O Santiago Futsal caeu na mala costume de volverse demasiado agresivo e o Fisiomedia Manacor aproveitou para forzar tres faltas e poñerse por diante do marcardor no minuto trinta. O gol foi obra de Joao Batista.
Remar a contra corrente, iso é algo ao que está moi acostumado o equipo de Santi Valladares. Foi marcar o conxunto de Manacor e reaccionar os santiagueses. Primeiro foi Lucho, no minuto 34, que rematou unha moi boa xogada de Alan pola parte esquerda. O empate durou tan só trinta segundos. Unha man dentro da área de Víctor, que lle custou o segundo cartón amarelo, supuxo o penalti que transformou Raúl Campos. O Santiago Futsal xa estaba por diante no partido.
A reacción de Tomás de Dios non se fixo esperar e a falta de catro minutos decidiu sacar a Joao Batista de porteiro-xogador. A superioridade do Manacor fíxose evidente e estivo rozando o empate, pero tamén é certo que o Santiago puido sentenciar á contra. Ó final, pese aos apuros, os santiagueses volveron sumar tres puntos de ouro en Sar.
Vitoria lucense e empate do Burela
O Azkar Lugo venceu na casa sen problemas ó Puertollano cun marcador favorable de 3-1. A sorpresa da xornada foi a do Burela, que empatou en Alcalá ante o Inter Movistar 2-2. O conxunto de Juanlu foi mandando no luminoso todo o partido ata que no minuto 35 remontou o Inter. Pouco lle durou a alegría ós madrileños, pois no 38 o Burela Pescados Rubén empataba definitivamente o choque.
Crónica de Fran Rego @Kanhotas
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.