O sector turístico galego advirte de que os rebrotes de Covid-19 poden estragar as boas previsións de agosto

Pechan un mes de xullo "positivo" e avanzan ocupacións de entre o 50 e o 70% este mes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/08/2020 | Actualizada ás 12:29

Comparte esta noticia

O sector turístico galego afronta o mes de agosto con mellores previsións que as de xullo, con ocupacións que se poden mover na pinza do 50% a 70%, aínda que coa vista posta na evolución epidemiolóxica da COVID-19, xa que, advirten, "a ameaza dos rebrotes pode dar ao traste coas reservas".

Visitantes na praia na Mariña
Visitantes na praia na Mariña | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Segundo os datos proporcionados polo Clúster Turismo de Galicia, áreas como Sanxenxo afrontan agosto coa previsión de alcanzar entre o 60% e o 70% de ocupación, mentres que Vigo inicia o mes cunha ocupación en torno ao 50%, que espera incrementar.

Santiago de Compostela, pola súa banda, que marcou mínimos para un mes de xullo este ano, baralla unha pinza de entre o 22% e o 28%, que podería subir ata o 30% de ocupación.

Do mesmo xeito que sucedeu en xullo, as urbes alcanzarían cifras máis modestas, mentres que a ocupación é máis destacada en zonas de costa e áreas rurais. Por exemplo, na provincia de Lugo, o sector espera un 35% de ocupación para Lugo centro, pero dun 55% para A Mariña e dun 85% para a montaña lucense e para a Ribeira Sacra. Na Costa da Morte, a ocupación será de entre o 40 e o 60%.

UN MES DE XULLO "POSITIVO"

De forma global, o sector considera que xullo "foi algo máis positivo do que cabería esperar" segundo as previsións iniciais, especialmente "en territorios de cota e zonas rurais", nos que a ocupación roldou o 50%, máis elevada en determinados aloxamentos. Tamén áreas como a Costa da Morte ou a Ribeira Sacra pecharon o sétimo mes do ano cunha ocupación media do 67%.

Os máis elixidos foron as casas rurais, os pequenos hoteis e os apartamentos turísticos. Na outra cara da moeda, os máis afectados pola crise da COVID-19 foron os albergues, que acusaron de forma importante a pouca presenza de peregrinos en relación a outros anos.

Tampouco tivo bos resultados o turismo urbano, especialmente no caso de Santiago de Compostela, que, segundo os datos do Clúster de Turismo, marcou "unha ocupación historicamente baixa", cunha media do 13 por cento, chegando ao 25 por cento nos días do Apóstolo.

O Clúster Turismo de Galicia, con todo, fai fincapé en que as cifras deben relacionarse coa apertura de establecementos hoteleiros, que "foi dispar". Mentres algunhas áreas, como Sanxenxo ou Rías Baixas tiveron operativas practicamente o 100 por cen das súas prazas, outros territorios, como Santiago de Compostela, aínda manteñen en torno ao 30% de aloxamentos pechados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta