O BNG reafírmase nas críticas á coroa e acusa á Fiscalía de "vulnerar" dereitos fundamentais por investigar a Pontón

A formación nacionalista afirma non ter noticia "oficial" da apertura de dilixencias previas. Pontón estaría a ser investigada xunto con Pere Aragonés e Teresa Rodríguez por inxurias á coroa.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 10/08/2020 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

A Fiscalía da Audiencia Nacional examina unha denuncia presentada pola asociación Concordia Real Española contra o vicepresidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonès, de Esquerra Republicana (ERC); a líder de Adelante Andalucía, Teresa Rodríguez; e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por posibles inxurias á Coroa tras os seus respectivos comentarios ao coñecerse a marcha de España do Rei emérito.

Segundo explicaron a Europa Press desde Concordia Real Española, o que fixo a asociación é pór en coñecemento do Ministerio Público uns feitos que consideran que poderían ser delituosos, pois as inxurias á Coroa están contempladas no Código Penal, concretamente no seu artigo 491, e a Audiencia Nacional é o tribunal competente para investigar este tipo delituoso.

Fontes fiscais consultadas por Europa Press confirmaron a recepción da denuncia e que se incoaron dilixencias para determinar se o que se relata na documentación entregada pola asociación é constitutivo de delito. O BNG xa criticou este domingo nun comunicado a apertura de dilixencias.

Unha denuncia similar expúxose en Baleares polo Foro Baleares, que engadía na lista de denunciados ao coordinador de MÉS per Mallorca, Antoni Noguera.

Ana Pontón no Parlamento galego durante unha entrevista para Europa Press, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España), a 22 de xuño de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Ana Pontón no Parlamento galego durante unha entrevista para Europa Press, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España), a 22 de xuño de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo

CRÍTICAS DO BNG

Pola súa parte, o BNG emitiu esta mañá un comunicado para acusar á Fiscalía de "vulneración" do dereito á liberdade de expresión da súa portavoz, "como ten posto en evidencia en múltiples ocasións o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos". Con todo, dende a executiva nacional do Bloque afirmaron carecer de notificación "oficial" a respecto da apertura de dilixencias previas á súa portavoz.

En calquera caso, a formación nacionalista aproveitou tamén para reafirmarse "no expresado en días recentes por esta Executiva Nacional a respecto da fuxida  de Juan Carlos de Borbón e a operación posta en marcha para tentar salvar a monarquía e, especialmente, para desvincular a Felipe de Borbón dos negocios e da imaxe de corrupción do chamado 'rei emérito’". "Para o BNG é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas", destacaron dende a formación antes de subliñar o seu compromiso cos dereitos e valores democráticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 El Ciz

A ver, non hai comentarios rupturistas?