Por Xurxo Salgado | Compostela | 10/08/2020 | Actualizada ás 22:00
“Sedáronse a moitos pacientes e moitos pacientes morreron con sedación cando supostamente están nunha residencia. Utilizabase morfina, diazepam para sedalos”. Así lembra unha profesional sanitaria o seu paso por unha residencia de DomusVi en Galicia. Fala con dureza do que viviu durante os meses máis complicados da pandemia nunha das residencias desta empresa: historiais clínicos modificados, pacientes que non derivaban aos hospitais e o 061 que asinaba partes de defunción sen entrar nas residencias.
Non quere dar o seu nome por temor a represalias pero lembra, perfectamente, as duras condicións de traballo que tiveron que soportar tanto eles, como os usuarios, especialmente, estes. De feito, médicos, como enfermeiros e auxiliares que estiveron traballando duramente durante os momentos máis duros acabaron renunciando ao tempo que denuncian as malas condicións laborais e promesas incumpridas, entre elas, a famosa paga de 500 euros prometida por esta empresa e que algúns non chegaron a cobrar.
“Atendimos pacientes e moitos foron sedados e non lle deron oportunidade de ir ao hospital. A directora –do centro-- dicía que non era bo porque xa había médico internista, pero o médico internista só está ata as 15.00 horas e durante a fin de semana non traballa”, apunta en declaracións a Galicia Confidencial. -"Eu penso que o paciente ten Covid", diciamos nós e a resposta era: "pois se ten xa non se pode facer nada".
MANIPULACIÓN DE HISTORIAIS CLÍNICOS
Esta profesional tamén confirma que se lles obrigaba a cambiar os historiais clínicos. “Nós nos partes médicos puñamos o que criamos que tiña o paciente. Por exemplo: paciente que non come, caquéctico (persoas que están nun estado de inmobilidade causada pola anorexia, a astenia ou a anemia). E a min, polo menos unha vez o internista díxome que tiña que borrar o escrito. E eu díxenlle por que tiña que facer iso e a súa resposta foi que iso nos podía meter en problemas. A min fíxome borrar iso, pero, polo menos eu gardei unha foto a iso que eu escribira", destaca a profesional.
Ademais de borrar cousas do historial clínico, outra das prácticas da direccións destes centros era evitar que os familiares visitaran aos seus maiores. "Era sempre un non rotundo", lembra. Ademais, destaca que a maioría de avós se queixaba das comidas, e que querían ver aos seus familiares. "Hai maiores que tiñan demencia e que agora teñen máis demencia", indica. "O que lles interesa é só o diñeiro", lamenta. “Se foran os meus pais nunca os deixaría aí".
MORTES SEN MÉDICO
Ademais, nalgunha destas residencias, e sempre segundo esta profesional, producíronse mortes de anciáns de noite, cando non había ningún médico do propio centro para certificar a defunción. “Cando morría de noite chamaban ao 061 e ao mellor estaban ocupados e tocaba esperar moito tempo. Durante ese tempo, o paciente morto permanecía no seu cuarto. E, en moitas ocasións, os profesionais que viñan do 061 nin sequera viñeron constatar o falecemento porque lles daba medo entrar na residencia pola Covid”, sinala.
"Se a enfermeira lles dicía que era un exitus --terminoloxía médica para referirise a unha persoa falecida--, apuntaban os datos e deixaban os datos na porta. Nós mesmo chegamos a dicir que o paciente podía estar perfectamente vivo e os do 061 o daban por morto porque non entraban na residencia", engade.
Fontes consultadas por GC suliñan que os técnicos do 061 nin confirman, nin certifican os falecementos, que iso teñen que ser médicos. En todo caso, as mesmas fontes do ámbito sanitario aclaran que, durante a pandemia, poideron darse "malas praxes" moi puntuais, entre elas, que se confirmaran mortes en residencias sen ver ao paciente. En todo caso, insisten que o 061 non fai certificados de defunción, que iso lle correspondería aos médicos da propia residencia.
Tal é a impersonalidade da morte de moitos anciáns que eran tratados case como obxectos. Logo, os traballadores do centro baixaban ao falecido ao soto e alí era recollido pola funeraria para a súa posterior incinieración. “Chegaba o coche da funeraria e xo levaba. As súas cousas persoais tamén se recollían para darllas á familia que viña a recollelas”, lembra.
TRATO AOS PROFESIONAIS
O trato recibido por moitos profesionais non era mellor que o dos usuarios. Así, lembra que tanto a directora como o médico internista do centro no que traballaba eran “mal educados” con auxiliares, enfermeiros e médicas. "Son abusadores. Hai que facer como eles din. Pensan máis por eles que polos avós. Ás veces, os maiores queixábanse de que non tiñan toallas e ela –a directora-- dicía que se queixan por todo e cando eu estaba había moitas toallas rotas... Eran tanta as queixas que os propios familiares tiñan que chamar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.