O transporte en bus urbano segue moi por baixo de hai un ano: un 54 % menos

A epidemia de COVID-19 e o decreto do estado de alarma fixeron esborrallarse o uso do transporte urbano a mínimos históricos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/08/2020 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

O transporte urbano en autobús en Galicia recuperou viaxeiros no mes de xuño, e alcanzou os 2,3 millóns de pasaxeiros transportados, aínda que a variación interanual segue sendo negativa, cun 54 por cento de caída con respecto ao mesmo mes de 2019.

Así se reflicte nos datos provisionais publicados este martes polo Instituto Nacional de Estatística, INE, que sinala que a variación anual no uso do transporte urbano por autobús en Galicia é dun 54 por cento menos.

Segundo o informe feito público, en Galicia utilizaron o transporte urbano por autobús 2,37 millóns de persoas durante o mes de xuño, fronte aos 1,2 millóns do mes de maio. A epidemia de COVID-19 e o decreto do estado de alarma fixeron esborrallarse o uso do transporte urbano a mínimos históricos.

Así, os viaxeiros de bus urbano en Galicia reducíronse á metade no pasado mes de marzo (a mediados dese mes entrou en vigor o estado de alarma), e pasaron de 5,38 a 2,7 millóns. No mes de abril, os usuarios apenas superaron o medio millón (o que supuxo unha baixada do 89,5 por cento con respecto ao mes de abril do ano pasado).

En maio as cifras comezaron a recuperarse (1,2 millóns de viaxeiros), aínda que a variación interanual seguiu en cotas negativas (un 78,1 por cento menos) e, en xuño, segundo os datos publicados este martes polo INE, Galicia alcanzou os 2,37 millóns de viaxeiros transportados en bus urbano.

Estas cifras sitúan o descenso nun 54 % (comparado con xuño do ano pasado), mentres que a variación, no que vai de ano, é de 44,2 puntos negativos.

En España, o número de viaxeiros de transporte público caeu nun 63,5 por cento con respecto a xuño de 2019. En concreto, a baixada no transporte urbano foi do 58,9 por cento, e do 62,5 por cento no transporte interurbano.

Autobús urbano en Santiago durante o estado de alarma. Bus, covid. EUROPA PRESS - Arquivo
Autobús urbano en Santiago durante o estado de alarma. Bus, covid. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta