GC Aberto

Contra a monarquía

Por gcaberto | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2020

Comparte esta noticia

Velaquí a nai do año. Este lema haino que proclamar na rosa dos ventos: contra a monarquía. Pensen como pensen, profesen a fe que profesen, voten a quen voten. Porque estar contra a monarquía lévanos a estar coa democracia. A realeza é o principal escollo para que un pobo exerza totalmente a súa soberanía.

Isto sábese denantes da chegada dos Borbóns a España. Porque esta é unha familia foránea malia ser adoptada con todo tipo de arrolos e garatuxas pola dereita españolísima. Ten o seu aquel que os vixiantes das fronteiras, alérxicos a todo o estranxeiro, sexan escudeiros dos Borbóns. Será que hai foráneos de primeira clase, que dan lustre ao escudo e brillantina ás fotografías, e foráneos de última estación, encarnación da decadencia occidental que por miserables salarios sosteñen sectores produtivos onde non hai españois dispostos a traballar. Os segundos róubanos e os primeiros mímannos. Que bonitas as tres flores de lis na heráldica patria! 

A monarquía borbónica é bastarda. Basta follear Los Borbones en pelotas (con debuxos de Valeriano e textos de Gustavo Adolfo Bécquer) para comprobar a alegre vida sexual de Isabel II namentres o coitado do home, anómalo xenital, asume a paternidade de fillo tras fillo. E Isabel II coidaba dar felicidade o pobo coma as porcas paridoiras a dan ás casas labregas. 

A apetencia dos Borbóns fóra do fiel e leal matriomonio foi herdada. Nao faz mal, que dirían os lusos, porque a nós como súbditos nola trae ao pairo onde Juan Carlos I ou Felipe VI encanastren. Se cadra, os Borbóns son a primeira estirpe monárquica que defende o matrimonio liberal, digamos unha relación aberta, e o cruce sanguíneo, malia o malestar de Sostres, home da corte e coñecementos bastos.

Pero así foi o pasado real e así é o realísimo presente. Cantos versos máis escribiría Valle-Inclán para rematar aqueles ripios: "Cabrón el tatarabuelo, un canalla el bisabuelo. Puta y reputa la abuela, el padre chulo y parguela, el hijo más listo, lelo. ¡Distinguida parentela la de nuestro reyezuelo!". Mais, hoxe (na mellor democracia posible, como nos repiten até o empacho verborreal) Valle iría declarar ao Tribunal por inxurias á Coroa, para agrado dos pseudointelectualoides orgánicos de premios varios e tertulias radiotelevisivas.

Que os Borbóns sexan realeza francesa (oh! Salven do desgusto aos españolísimos de pulserilla e máscara rojigualda) impórtanos nada. Que manteñan unha activa axenda sexual, pois igual de desinterese nos crea. Pro, reparemos, como a prensa  monárquica descarga contra Corinna unha responsabilidade coma o dogma católico descarga o peor dos males posibles sobre Eva por ofrecerlle unha mazá (imaxino tipo reineta) a Adán, o primeiro imbécil coñecido na historia sacra. Pero facerse o parvo ten alegres consecuencias como a infanta Cristina sabe ben e como Laureano Oubiña alegar ao seu favor: “como vamos ser narcos se somos case analfabetos”.

O problema reside nas decisións tomadas pola Casa Real que afecta á res publica. A corrupción que levou ao exilio a María Cristina, Isabel II e outros familiares borbónicos. A represión empregada contra persoas que defendían xornadas de oito horas laborais, a eliminación do traballo infantil, o meter man nos bancos e caixas, a connivencia co escravismo e a trata de persoas, a oposición ao sufraxio universal e o feminino etc. A marca da casa foi o borboneo constante na política do turnismo e da ditadura militar, gran sostén dos Borbóns coma ben saben Alfonso XIII e Juan Carlos I. 

A prensa monárquica convive alegremente co campechanismo do rei emérito e cala  as fechorías como calará os vindeiros episodios de Felipe VI. A ocultación do destino do rei fuxido non provocou balbordo. Todo porque por riba da democracia está a unidade española como se esta fose seguro de orde e progreso. A dicotomía non é Borbóns vs. Caos senón Monarquía vs. República. Pro que máis dará se aos vasalos lles basta un “perdón, me he equivocado” e a prensa pon o ventilador e o turnismo político colabora ou mira para ao chan?

A monarquía española é só, e nada máis, un garante da unidade de España. E isto supón cultura, educación, sanidade, servizos públicos? Supón investigación, economía produtiva, lecer, ecoloxía? Supón transparencia, exemplaridade, valores, ética? Pois non. 

No real compango están os políticos afíns, a prensa borbónica e outros axentes vividores do réxime. Gastan regueiros de tinta telemática en inducírnolo cada día: vivimos no mellor dos países posibles. Fronte a todo isto, a república e a democracia chegarán precisamente pola alianza das forzas republicanas, consolidadas nas nacións sen estado (de dereita a esquerda no arco ideolóxico) e esquivas ou dubitativas (no mellor dos casos) das forzas progresistas españolas. A alianza republicana a nivel do estado, dende o pluralismo que o integra, é a principal consigna actual que cómpre coidar e consolidar.

A República en España chegou de maneira cívica, sen guerras nin revoltas, sen disparos nas Cortes nin cabalos esbravexados. Suspenden o exame quen insisten en afirmar que a República veu con violencia. Santa ignorancia! Ao revés, a República (1873-74, 1931-36) chegou por vieiros democráticos e caeu por vías armadas e militaristas tras anos de progreso social, educativo, cultural e democrático. Ese é o principal testemuño da República.

Se a República chegase algún día non será grazas as alarmas catastrofistas da prensa monárquica nin dos poderes económicos acomodados no actual réxime corrupto (da area política á financeira). Chegará de maneira pacífica como resultado dun movemento democrático, integrador e plural. E chega a hora de poñelo en marcha dende os concellos até os parlamentos, dende os movementos cívicos até os sindicais.

Por iso, no taboleiro está a protección da “cultura republicana” fronte a monarquía. Por iso queren xulgar a Ana Pontón, Teresa Rodríguez e Pere Aragonés. Porque aquí non se trata (neste preciso asunto) de debates nacionais senón de fundamentos e valores democráticos. 

E se os Borbóns son a garantía da unidade española como de leais e fieis son á familia borbónica, que se preparen para maos tempos.  

Por iso, eu contra a monarquía.

Xurxo Martínez González.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta