Estamos preparados para traballar por Internet?

O confinamento do mes de marzo fixo que unha gran cantidade de asalariados e asalariadas levasen o seu traballo para a casa. Os problemas viñan das horas extras non pagadas, a difícil conciliación familiar e as xornadas laborais sen dereito a desconexión. Todo isto abriu a necesidade de negociar un marco legal que de momento non contenta a ningunha das partes. A cuestión semella difícil.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O teletraballo foi unha das “virtudes” que se venderon coa creación da Internet. A túa casa será a túa oficina ou o teu despacho, gañar o teu salario sen saír da casa. Pasaron os anos e esta idea non se consolidara, porque millóns de persoas seguían indo aos lugares de traballo e as súas casas quedaban, en ocasións, lonxe das empresas. Coa chegada da COVID-19 e o confinamento das familias, quen puido organizou a súa axenda laboral desde a casa grazas á rede e ao seu computador. O que non contaban moitos era o “presentismo” máis alá das oito horas e da imposibilidade de ter unha conciliación familiar en condicións. A isto sumouse que parte do empresariado non quería asumir gastos relativos a material, consumo enerxético e limitación de horarios.

Telemárketing
Telemárketing | Fonte: Facebook

O DECRETO EXPRESS

En 2019 o Real Decreto-ley 6/2019, de 1 de marzo, modificaba o Estatuto dos Traballadores (ET) refundido, para favorecer a conciliación familiar e o traballo a distancia (teletraballo). Co estado de alarma, dous novos reais decretos lei, Real Decreto-ley 8/2020, de 17 de marzo, e Real Decreto-ley 15/2020, de 21 de abril, buscaban reforzar e garantir os dereitos laborais de quen optara pola modalidade de traballo a distancia.

Ditos dereitos estaban recollidos dentro do ET, onde se cita que o traballo a distancia será aquel que se faga de maneira preponderante no domicilio ou lugar que escolla a persoa traballadora, de maneira alternativa ao traballo presencial. Esta solución será acordada por escrito entre traballador ou traballadora e empresa e cos mesmos dereitos que os e as traballadoras presenciais (artigo 13. ET).

“Máis alá dunha lei marco para todo o Estado, nós valoramos que se observen as especificidades de cada traballo para concretar escenarios dentro desa norma” di Maica Bouza de CCOO. Bouza resalta isto porque o estado de alarma foi algo “excepcional”, e o temor é que a “excepcionalidade” siga sento a norma por moito tempo en caso de que as empresas e outros axentes contratantes vexan vantaxes co traballo a distancia.

Teletraballo
Teletraballo | Fonte: remitida

Francisco González, da CIG, avalía a situación herdada desde o estado de alarma a partir “do decreto express, vese reflectida a vontade do empresariado para o traballo a distancia, horas extras encubertas, a case obriga de pór recursos por parte do traballador” e o que ve máis grave “uso dos ERTE e teletraballo para crear medias xornadas que logo son oito horas co diñeiro recibido do Estado mediante ERTE”.

“O teletraballo é unha ferramenta operativa totalmente que xa leva tempo con nós” sinala Jaime López secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). Preguntado sobre o control de horas traballadas desde a casa, López analiza “isto ten que ser unha cuestión moi individualizada para o caso concreto de cada empresa, máis creo que o traballador quere facer produtiva a empresa e non creo que sexa tema de supervisión”.

CONDICIÓNS LABORAIS

A conectividade á Internet en moitos lugares de Galicia é lenta cando non presenta fallas e caídas de rede. “É necesario facer un maior avance en canto Internet, Galicia está nunha boa situación, mais é mellorable, isto pode ser unha eiva no momento de colocar aplicacións así que a administración ten que facer un esforzo relevante nese sentido” apunta Jaime López. O caso é que desde CCOO, Maica Bouza apunta tamén que “en áreas da costa a conectividade é aceptable, mais se imos cara o interior debemos ter en conta a dispersión e os baleiros que existen en canto conectividade”.

Ademais disto último, hai que contar con que en ocasións o empregado ou empregada pon o seu propio computador, a súa propia conexión e os gastos de consumo eléctrico e telefonía, moitas veces corren da súa conta. “Os gastos a maiores teñen que ir a cargo da empresa, traballar desde a túa casa afórralle cartos ao empresario” destaca Bouza. “Penso que a empresa está para volcarse e que sexa máis produtiva poñendo os medios necesarios” sinala Jaime López.

Os representantes sindicais comparan a situación actual como cando se negociaban os primeiros convenios colectivos. Todo estaba no aire, pois eran moitos os puntos a tratar e había que ir un por un. Francisco González valora as negociacións actuais como un xogo dentro do Consello Económico e Social (CES) entre patronal e grandes sindicatos. “A patronal non quería unha negociación máis ampla, así que CIG e ELA presentamos propostas, mais agora só se negocia dentro do “diálogo social””. “A mesa de diálogo social xa existe, está funcionando e tamén serve para que non se fagan normativas que ás veces non están coa realidade do mundo da empresa” destaca López.

Sobre os horarios e máis aínda, as horas extra sen contabilizar, Jaime López da CEL, estima que este é un punto individualizado entre traballador e empresa. “O traballador quere facer produtiva a empresa, así pois non vexo aí un tema de control de horas, o teletraballo é unha innovación que está aí e debemos usala para a mellora social e económica de traballadores e empresas”.

“O sistema actual de teletraballo non facilita a conciliación, entendemos que a xornada debe figurar por escrito nun acordo entre empresa e traballador” destaca Bouza. E como se pode levar adiante o control das horas traballadas? “Existen APP, Intranet e outros elementos que permitirían levar o control asistencial”.

“Cremos que se non hai unha regulación, haberá dobre carga de traballo dentro dos fogares, pois á actividade remunerada úneselle a conciliación e tamén os coidados de persoas dependentes” analiza Francisco González. Para o control das horas extras “debe haber un rexistro da xornada que facilite o seguemento da xornada e evite a fraude”. González sinala a fraude sobre todo no sector dos autónomos e falsos autónomos en áreas como transporte e telemárketing.

Os axentes sociais coinciden en que o teletraballo vén para quedar, que se pode compatibilizar con dous ou tres días de traballo presencial durante a semana. Mais o momento que vivimos é o dos primeiros pasos cando se entra nun terreo descoñecido. Por tanto, moitas cousas dependerán das negociacións que se leven adiante, negociacións que algunhas forzas sindicais non consideran que teñan cuberta a representación dos traballadores en totalidade. De momento, o diálogo social está aberto e todos e todas esperan os resultados como mínimo en meses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta