Propietarios de atraccións de feira reclaman estender as axudas por cesamento de actividade

Tamén se solicitará que se active un protocolo de rescate para os feirantes que son autónomos estacionais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2020 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

Representantes do colectivo de traballadores das atraccións de feira reuniuse este luns coa Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) co fin de abordar a situación "absolutamente insustentable" que vive o sector, pola imposibilidade de desenvolver a súa actividade.

A asociación de autónomos avanzou que solicitará ao Goberno de España que estenda no tempo as axudas do cesamento de actividade extraordinario para profesionais que viven deste sector, para que aqueles que están dados de alta poidan seguir percibindo a axuda do 70% da súa base de cotización, ademais da exoneración do pago da cota da Seguridade Social.

UPTA tamén solicitará que se active un protocolo de rescate para os feirantes que son autónomos estacionais, é dicir aqueles que aínda non estaban dados de alta cando en marzo se decretou o estado de alarma que, por tanto, neste momento non están a recibir ningún tipo de axuda. Este protocolo de rescate, sinalan desde a asociación de autónomos, "permitiríalles acceder tamén á axuda por cesamento de actividade e dispor polo menos dos emolumentos mínimos para poder sacar adiante ás súas familias".

"Estamos a falar de 300 familias galegas que nestes momentos necesitan unha axuda, non para financiarse ou refinanciarse senón para comer", lembrou o presidente de UPTA, Eduardo Abad.

AXUDAS DA XUNTA

UPTA tamén se comprometeu a solicitar á Xunta de Galicia a emisión dunha liña especial de axudas directas a fondo perdido específica para o colectivo de autónomos que viven das atraccións de feira na comunidade.

Eduardo Abad considera que neste momento os feirantes están nunha situación tremendamente delicada. "Moito máis delicada mesmo que a hostalaría ou o pequeno comercio", sinalou. Os feirantes manifestaron que no que vai de 2020 a totalidade dos concellos e Administracións están a desestimar as súas solicitudes para instalarse durante as festas. Unha situación que aseguran non entender.

"Temos os mesmos protocolos de seguridade que calquera outra actividade profesional pero rexéitannos o cento por cento das solicitudes para instalarnos", explica Beatriz Camareiro, unha das propietarias de atraccións de feira afectadas.

"Relacionan festa con aglomeración e non hai quen os saque de aí", engade. Nese mesmo sentido, o presidente de UPTA apunta que "ningún concello quere correr o risco de que se produza un brote de coronavirus. E nesa vontade de minimizar os riscos os primeiros damnificados son os feirantes".

Circo con animais
Circo con animais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta