Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2020 | Actualizada ás 17:29
En Marea esixiu a posta en marcha dunha comisión independente que avalíe a xestión da pandemia da COVID-19 feita por parte do Goberno de Alberto Núñez Feijóo e criticou que pasado "medio ano" desde que se decretou o estado de alarma "siga improvisando nas medidas a tomar".
Nun comunicado remitido aos medios, a formación lembra que en marzo remitiu ao presidente da Xunta "un extenso documento co seu posicionamento e propostas concretas para facer fronte á crise sanitaria e social", un texto polo que "nin resposta" obtivo por parte do PP.
Neste sentido, En Marea critica que Feijóo opte por repetir "a mesma estratexia de sempre", "mesmo cando as competencias son súas", e derive as súas responsabilidades. "Xa sexa no Goberno central, no concello ou en calquera administración que se sirva para saír do paso sen comprometerse".
"As últimas medidas anunciadas por Feijóo, como a prohibición de fumar pola rúa se non se garda a distancia de seguridade, son unha cortina de fume para desviar a atención do verdadeiramente relevante, que é que o goberno da Xunta non está a ofrecer garantías no relativo á seguridade ante a COVID", censura.
En Marea lembra que, neste momento, a Xunta ten "plenas competencias" e lamenta que "non teña nada previsto para atallar os elevados contagios na área sanitaria da Coruña" nin trabje para "reforzar" a sanidade de cara ao futuro en canto a recursos materiais e persoais.
Ademais, a formación denuncia a "irresponsabilidade" por parte da Administración autonómica na xestión da volta aos centros educativos. "A escasos 20 días de que o alumnado volva ás aulas, nin profesorado, nin familias, nin os estudantes teñen certeza de nada salvo o sinalado polo protocolo da Consellería de Educación segundo o cal todo seguirá igual", asegura.
Por todo iso, reclaman unha comisión independente para avaliar a xestión da pandemia e realizar propostas de actuación que fagan fronte ao avance do virus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.