Temas: LIXO CIG OURENSE

A CIG leva á Fiscalía o "perverso trapicheo de contratos precarios" da UTE de recollida do lixo en Ourense

Asegura que hai unha "repartición de miserias" a "familiares directos" de Ecourense e que o goberno "ata a data non fixo nada por evitalo".

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/08/2020 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A CIG presentou unha denuncia ante a Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense en relación co "perverso trapicheo de contratos precarios" que asegura que existe na unión temporal de empresas (UTE) que se encarga da recollida do lixo e da limpeza viaria do Concello.

Recollida de lixo
Recollida de lixo

Segundo a central nacionalista, esta UTE, conformada por Copasa, FCC e GESECO, fai unha "repartición de miserias" desde 2019 ao contratar en ocasións a "familiares directos" e faino "con diñeiro público" e con "o beneplácito do goberno municipal, que ata a data non fixo nada por evitalo".

O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez, destacou que esta concesionaria se fai cargo dun servizo público "esencial", sobre todo "nos tempos" actuais.

Por iso o sindicato puxo os feitos que denuncia en coñecemento da Fiscalía, que é agora a que "ten que decidir se toma en consideración" a denuncia.

"Denunciamos que houbo un cambio radical na política de contratación, que pasou de escatimar contratos, non cubrir baixas, invalidez, xubilacións, etcétera, a, de forma periódica, cada tres ou catro meses, contratar remesas de 40-50 persoas, con contratos curtos, en precario, algúns a tempo completo, outros a tempo parcial, algúns que repiten e outros que non", explica Pérez.

Desta forma, critica que "crean unha lexión, un auténtico exército de persoas necesitadas de traballar que dalgunha forma debe un favor" á empresa.

E, segundo engadiu, o que se produce é "unha repartición pactada" segundo o cal o 50% dos contratados entran "por medio dunha empresa de economía social con sede na Coruña" e que "en teoría" está "para favorecer a contratación de persoas en risco de exclusión social". Como en Ourense non ten sede, as entrevistas, indica este responsable da CIG, realízanse no Sindicato de Traballadores da Limpeza.

"Por esta vía, se é a tempo parcial, (o traballador) ten que pagar unha cantidade por traballar, unha cota mensual de 40 euros", afirma, o que, segundo advirte, é unha "inmoralidade". "O grave ademais é que a inmensa maioría dos contratos son familiares directos de Ecourense", asegura.

O "outro 50%" chega á UTE "dunha forma heteroxénea". "Que se un encargado ten un enchufado, un responsable municipal tamén... Aí entra a repartición, aí non nos consta que teñan que pagar", indica Anxo Pérez.

De acordo cos seus datos, os fondos públicos que manexa Ecourense son 11 millóns de euros ao ano. As prácticas que denuncia a CIG realízanse, afirma, "primeiro coa colaboración necesaria das empresas" e despois con "o beneplácito do goberno municipal".

O que quere a central que investigue a Fiscalía é esta "treboada perfecta da inmundicia, do indecente que pode ser o sistema".

Temas: LIXO CIG OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta