Ingresa en prisión o home que acoitelou a súa parella en Coristanco

O home foi detido na mesma tarde do xoves. A muller segue ingresada na UCI.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/08/2020 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

O home detido por agresión á súa parella o pasado xoves en Coristanco ingresou en prisión, segundo informaron este luns fontes xudiciais. En concreto, o Xulgado de Instrución número 2 de Carballo, en funcións de garda, decretou o sábado o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, para o detido.

O home está a ser investigado por un delito de homicidio en grao de tentativa ou de asasinato tentado, ao concorrer a agravante de aleivosía doméstica ou, no seu caso, por un delito de lesións, segundo precisaron as mesmas fontes.

Detido  GARDA CIVIL
Detido GARDA CIVIL

A muller agredida pola súa parella o pasado xoves en Coristanco segue ingresada en estado grave no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press.

Desde os feitos, a vítima permanece ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) por ferida de arma branca no tórax con afectación cardíaca.

A detención do home por parte da Garda Civil produciuse na tarde do xoves. En concreto, o 112 Galicia recibiu sobre as 16,45 horas unha chamada de alerta en relación a unha agresión que se produciu na localidade coruñesa de Coristanco.

Ata a zona desprazáronse efectivos das forzas da orde e o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, que trasladou á muller ferida ata o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Sobre este caso, non consta que existisen denuncias previas por violencia machista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta