Por X.M. Fernández | Allariz | 18/08/2020 | Actualizada ás 08:35
A concelleira de Asuntos Sociais, Maribel Pousa, e a técnica de Igualdade municipal, Ana Cardoso, presentaron a pasada semana as II Xornadas Sexolóxicas de Verán, adiadas pola situación derivada da Covid19. As novas datas anunciadas serán o 19 e 20 de setembro coa posibilidade, se fose necesario, de trasladar as mesmas a unha plataforma virtual para que poidan executarse.
As sesións divulgativas realízanse en colaboración co Instituto de Ciencias Sexolóxicas de Madrid, INCISEX, coa Xunta de Galicia-Vicepresidencia-Consellería de Presidencia, o Ministerio de Igualdad e o Fondo Social Europeo.
Trátase de realizar intervencións máis axustadas á realidade humana e co obxectivo de traballar pola convivencia. Nesta segunda edición a prioridade será reflexionar arredor do concepto de saúde dende a mirada sexolóxica, como forma de entender a saúde como un concepto amplo onde están relacionadas moitas disciplinas.
Abordaranse tamén as posibilidades que lles ofrece a profesionais de disciplinas relacionadas coa saúde, para ter máis coñecemento e traballar para que as dificultades comúns polo feito de ser humanos/as, non se convertan en dificultades engadidas. E como din dende o concello, daráselle importancia “ao compromiso, e a responsabilidade para unha intervención que teña en conta o comunitario e a necesidade de ter coñecemento sobre o feito sexual humano para entender mellor o que se nos presenta, e facer así unha intervención máis centrada no que temos, centrada no suxeito. Unha intervención comprensiva e de cultivo, de cultivo da diversidade e polo tanto, da convivencia”.
Nas xornadas haberá ocasión de asistir a actividades complementarias á formación, como pode ser a Obra de Teatro:”Monstruación” de Enconarte Producións e uns “Petiscos no Jardim!”, acompañados de música de aquí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.