A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico combinará proxeccións en liña e presenciais na súa XV edición

A sección oficial presenta 15 traballos a concurso no evento, que se celebrará entre o 25 e o 29 de agosto

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

Santiago acollerá a partir do martes da próxima semana a XV edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que se reformula ante un contexto marcado polo coronavirus e as medidas de seguridade e combinará un formato con proxeccións presenciais e 'en liña', entre outras actividades.

O evento, que se celebrará entre o 25 e o 29 de agosto, está organizado polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Goberno local, a Xunta e a Deputación da Coruña, e regresa de novo á actividade tras ser aprazado o pasado mes de marzo nas xornadas previas á declaración do estado de alarma.

A sección oficial conta con 15 pezas europeas e asiáticas que pasaron por festivais como Visions du Réel ou DocLisboa e dez delas terán no MICE a súa estrea española. As películas a concurso optarán aos galardóns a 'Mellor Película Etnográfica', 'Mellor Película Galega' e ao 'Premio do Público'.

Entre elas atópanse pezas como 'Terra' de Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres; '11,565 Kilometres', de Beichen Zhang; ou 'Hamada', do director galego Eloy Domínguez Serén; 'Eu tamén necesito amar' de Antonio Caeiro; ou os curtos 'Na boca da mina', de Brandán Cerviño, e 'Dende que chegou a luz', de Santiago Teijelo, tamén obras realizadas por talentos da comunidade autónoma.

DIFERENTES ESPAZOS

A entrada será gratuíta para as proxeccións, previa retirada de entrada nos diferentes espazos (Numax e Teatro Principal), ou a través de Vivetix, no caso das sesións de Cinema Bonaval, MICE Petís ou do concerto de peche.

'Cinema en Bonaval' é unha das novas seccións ofrecidas nesta edición, con proxeccións ao aire libre, e pezas como a estrea de 'Dorothé na vila', de Alejandro Gándara e Olaia Tubío; 'Xoves de comadres', de Noemí Chantada, ou 'Santa Baia de Montes', de Sabela Souto.

A programación complétase con 'MICE Petís', para o público infantil; coa visita guiada á exposición 'As Pequenas Cousas', dedicada á memoria histórica e comisariada por Jorge Moreno; e o concerto de Richi Casás tras a entrega de premios, entre outras iniciativas como o taller 'Da investigación á creación biográfica'.

PRESENZA EQUILIBRADA

Ana Estévez, directora da mostra, incidiu durante a presentación do evento nas "moitas dificultades" experimentadas tras o obrigado adiamento por mor da situación de emerxencia sanitaria e que agora chega de novo cun formato máis pequeno pero "con toda a ilusión" da organización para sacalo adiante.

Pola súa banda, a concelleira Mercedes Rosón destacou o "pracer" e a importancia de contar con "sinerxías" entre diferentes partes á hora de impulsar unha programación de calidade e que dá un "espazo de difusión" a obras que non teñen representación nas salas comerciais.

Presentación da XV edición da MICE en Santiago. XUNTA
Presentación da XV edición da MICE en Santiago. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta