Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 14:00
Malas previsións para a área sanitaria de A Coruña e Cee. Os datos recollidos polo Sergas nas últimas xornadas indican un aumento disparado dos casos que, no caso de continuar ao mesmo ritmo, podería elevar as cifras a niveis inéditos. Así se desprende da gráfica elaborada por Xornal de Vigo a partir das cifras do Servizo Galego de Saúde, disposta a continuación.
Nos últimos 10 días os datos de covid da área de A Coruña e Cee incrementáronse a razón dun 17% de media cada xornada, un ascenso vertixinoso que explica que en menos de dúas semanas o positivos da zona se quintuplicaran. De continuar neste tendencia ascendente, A Coruña superaría o récord de casos do confinamento -1.659 que marcaron o tope de toda Galicia o 27 de abril pasado- o vindeiro sábado, momento no que de continuar co ritmo actual-se acadaría a cifra de 1.865 contaxios.
E se se continúa coa transmisión comunitaria, A Coruña superaría os 4.000 contaxios por coronavirus o vindeiro 28 de agosto.
Ante o incremento das cifras, a Xunta declinou establecer un confinamento sobre a contorna metropolitana da cidade e impuxo, no seu defecto, o peche do ocio nocturno e a prohibición de fumar en espazos abertos sempre que non se poida manter a distancia de seguridade de dous metros. O BNG, pola súa banda, pide xa o confinamento da cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.