Preocupación entre as familias ante un curso "incerto e inseguro" en plena escalada de novos gromos

As Anpas acusan á Consellería dunha "falta de coherencia" que "pon en perigo" ó alumnado.  

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2020 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A cada vez menos días de que dea comezo o curso máis atípico que se recorda, a situación entre as familias de alumnos é de "fonda preocupación" ante un ano lectivo "desorganizado". Así o dá a entender a Confederación de Anpas Galegas nun comunicado no que acusan á Consellería de Educación de "falta coherencia e liderado" á hora de xestionar un curso "que se albisca incerto, inestábel, inseguro, mal organizado e enormemente perigoso para as nosas fillos e fillos, así como toda a sociedade galega".

Aula. GOBERNO DE CANTABRIA
Aula. GOBERNO DE CANTABRIA

O problema apuntado polas Anpas a raíz da cuestión sanitaria, din, vese agravada por unha xestión autonómica que -segundo apuntan- déixalles a impresión de que "as nosas a fillas e fillos son 'persoal de segunda' con quen non hai que cumprir máis normativa que aquela que garanta non ter que gastar máis diñeiro na súa seguridade e educación". Neste aspecto, Anpas e sindicatos criticaron amplamente o feito de que o protocolo establecido pola Consellería de Educación contemplase como distancia mínima nas aulas de apenas 1 metro, cando o limiar de distanciamento empregado no resto de contextos sociais é de polo menos 150 centímetros. 

Ante esta situación, a Confederación de Anpas vén de elaborar un manifesto de mínimos para formular as súas peticións de cara ó vindeiro ano escolar. Entre as medidas recollidas na listaxe, destaca o feito de ampliar a distancia de seguridade nomeada ata os 1'5, un movemento que, recoñecen, precisaría financiamento. "Por iso esiximos directamente máis aulas dispoñibles e profesorado para esas aulas", destacan.

MODELO DOMICILIARIO, NON ONLINE

Aínda que para as Anpas no regreso ás aulas debería primar o modelo presencial -"o completo desenvolvemento social, afectivo, emocional e intelectual do alumnado só é posíbel na interrelación directa e presencial", destacan-  recoñecen a posibilidade de que a situación epidemiolóxica impida acadar facilmente este obxectivo. Fronte a esta problemática, nais e pais optan por rexeitar o sistema de educación en liña e optar por un "servizo domiciliario" que "debera ser a canle a ordinaria de atención ao alumnado que por razón de enfermidade non poida asistir ás clases ordinarias. Por outro lado, e logo de negarse a que a asistencia ás aulas fora voluntaria, as Anpas sinalan que non pechan a porta a que as familias "en situación directa de risco sanitario" teñan "a posibilidade de optar pola non asistencia ordinaria ás aulas en tanto permaneza ese risco".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta