O BNG acusa de "despropósito" o despezamento do Alvia accidentado en Angrois sen a investigación que pide a UE

En xaneiro de 2019 a Comisión Europea iniciou un procedemento de infracción contra o Estado español.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera un "auténtico despropósito" o inicio do despezamento do tren Alvia que sufriu o accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 sen que a día de hoxe exista unha investigación independente sobre as súas causas como a que pide a Unión Europea.

Así se pronuncia a nacionalista despois de que o diario 'El Correo Gallego' publicase este mércores que o despezamento do convoi sinistrado comezara, máis de sete anos despois do descarrilamento que ocasionou 80 mortes e que deixou a máis dun centenar de persoas feridas.

"Parécenos unha irresponsabilidade que Renfe leve a cabo a destrución deste tren sen dar cumprimento ás esixencias da Unión Europea e así llo trasladaremos á comisaria de Transportes, Adina Valean, na seguinte reunión que teñamos con ela", subliña Miranda.

En concreto, a través dunha nota de prensa, o Bloque sinala que Ana Miranda ten previsto manter un encontro coa comisaria a partir do mes de setembro.

Sendo Violeta Bulc comisaria de Transportes da UE, en xaneiro de 2019, a Comisión iniciou un procedemento de infracción contra o estado español, despois de que o BNG presentase unha denuncia por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria.

Respecto diso, Miranda avanza que na nova cita coa comisaria tamén preguntará cando tivo lugar o último contacto coas autoridades españolas para abordar os requirimentos especificados no procedemento de infracción. "Ano e medio despois queremos saber que pasos deu e como vai proceder a Comisión Europea nos próximos meses", sinala.

"No BNG non pararemos ata que no estado español se implemente a normativa europea de seguridade ferroviaria nin ata que teñamos encima da mesa unha investigación independente nin ata que as vítimas teñan verdade, xustiza e reparación", conclúe a portavoz en Europa dos nacionalistas.

Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ana Miranda cando se reúna coa comisaria en setembro, cómo se vai presentar, coma portavoz do BNG en Europa ? É un problema non ser eurodeputada ata dentro de 4 anos ! Seica os "amigos" de Bildu e de ERC teñen outros asuntos máis urxentes que tratar en Bruxelas ? // Podería aproveitar para comunicarlle á comisaria que están a preparar un Angrois Two no acceso á estación de Ourense (deixando o trazado das vías vellas, seica non hai cartos para máis comunicou Adif !) As vítimas reclaman xustiza! https://youtu.be/y9Hdo9RfdFw