Apicultores: "a praga da velutina atópase en Galicia con toda a súa furia"

O sector reclama "coordinación" para frear a "praga". O número de niños retirados e neutralizados a través do plan de Seaga ascende a case 8.400, segundo a Xunta

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O portavoz da Asociación Galega de Apicutura (AGA), Jesús Asorey, reclamou ás administracións "coordinación" para frear o que cualificou como "infesta" da avespa velutina e ante unha campaña que, coma outros anos, considera "deficiente". E é que suliñou que é "unha praga" que está atacando "con toda a súa furia".

"Hai concellos que trampearon, pero menos que o ano pasado", manifestou, en declaracións a Europa Press, sobre o sistema para capturar ás raíñas que se fai na primavera, así como o "labor preventivo" de retirada de niños.

Ademais, incide en que este mes de agosto "a praga" da avespa velutina atópase en Galicia "con toda a súa furia", resume en referencia á presenza de niños "nas árbores, á beira de regatos, pero tamén a rentes do chan ou situados en muros co perigo que supón para a xente que vai rozar ou a realizar labores no campo", apunta.

Así, asegura que lles consta que hai persoas que realizando estes traballos recibiron "unha decena de picaduras" de avespa velutina, rexeitando que haxa menos presenza que outros anos "nas hortas".

PLAN "GLOBAL"

No caso dos apicultores con colmeas en zonas de montaña, aclara que se atrasou a presenza da avespa velutina "ou hai algo menos". "Pero na costa está desbocada a praga", incide. Ademais, apunta que "como este ano hai menos froita, van menos", aínda que di que si están a aparecer na zona de viñedos.

Para o portavoz de AGA, existe unha "descoordinación por parte da Xunta" á hora de afrontar esta problemática. "É a que ten competencias, pon máis diñeiro, pero non coordinan", afirma Jesús Asorey, quen cuestiona que as actuacións "se baseen na retirada de niños". Con iso, considera que os resultados que se poden obter son "escasos".

"Os concellos e os apicultores fan o que poden", asevera o representante de AGA, para quen debería haber un plan "máis globalizado". "Necesítase atacar a praga", suliña reclamando "un trampeo coordinado na primavera", ao que suma a retirada dos niños. Ademais, estende a necesidade desta coordinación ao ámbito da investigación.

DECLARACIÓN DE "PRAGA"

Por outra banda, pide que as autoridades españolas insten á Unión Europea a declarar a avespa velutina "como praga". "Para que poida haber axudas para os sectores afectados", engade facendo referencia, especialmente, ao sector da apicultura e da fruticultura. Aos prexuízos económicos, suma os medioambientaes e sanitarios polos "ataques" a persoas por parte da avespa.

Na actual situación, especifica que o sector está a recorrer a métodos caseiros con técnicas "sinxelas". Entre elas, cita "a eliminación dos niños con escopetas de balines cun mínimo de insecticida ou o uso de trampas nas que se atrae á avespa velutina cunha composición de auga, azucre e fermento".

Tras retirar o mel, hai apicultores que optan por reducir a entrada nas colmeas e instalar "arpas eléctricas, un mecanismo que funciona con enexía solar ou eléctrica". "Uns bastidores con fíos de arame, enchufados a unha fonte de enerxía polo que pasan as abellas, pero non as velutinas", sinala.

Pero, a pesar destas medidas, o portavoz da Asociación Galega de Apicultores insiste. "Non haberá resultados sen prevención, investigación e declarando a Unión Europea á velutina cunha praga para que haxa axudas para os sectores máis afectados". "E por suposto a retirada de niños", remarca.

NIÑOS RETIRADOS

De acordo cos datos achegados por Vicepresidencia da Xunta, "o número de niños retirados/neutralizados a través do Plan Seaga ascende a 8.398 no que vai de ano", un servizo que se mantivo durante o estado de alarma.

Avespa velutina fotografada por Danel Solabarrieta e localización dos niños en Galicia en 2017, mapa elaborado por Rodríguez-Flores, M.S., Seijo-Rodríguez, A., Escuredo, O. et al. J Pest Sci (2018).
Avespa velutina fotografada por Danel Solabarrieta e localización dos niños en Galicia en 2017, mapa elaborado por Rodríguez-Flores, M.S., Seijo-Rodríguez, A., Escuredo, O. et al. J Pest Sci (2018).

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta