Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/08/2020 | Actualizada ás 17:10
A conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, volveu a defender este domingo os cocientes de 25 nenos por aula recollidas no protocolo galego para o curso escolar 2020/2021 e argumentou que, aínda que a administración quixese desdobrar os grupos non habería "espazos suficientes para ir a cocientes de 15 alumnos".
"Sería totalmente inviable porque non teriamos onde situar, a nivel físico, ao alumnado", sinalou nunha entrevista na Cadea SER recollida por Europa Press, na que indicou que a Xunta é "realista" e comunica "o que realmente é posible".
Ademais, xustificou que se poidan xuntar ata 25 alumnos máis un profesor nas aulas, a pesar da recomendación de que as reunións en xeral non sexan de máis de 10 persoas, porque "o contexto educativo é moi particular e as actividades están moi estruturadas e pechadas".
As escolas, dixo, con "lugares con moita orde" onde os pupitres están colocados "dunha maneira determinada" e os nenos van seguir "unhas pautas". Ademais, agregou, a de 25 "no cociente legal" é a que recollen as últimas recomendacións do Ministerio de Educación.
"IMPROVISACIÓN"
Preguntada polas críticas procedentes da comunidade educativa, replicou que no protocolo galego non hai "improvisación", posto que se presentou a mediados de xullo e revisouse nas dúas últimas reunións mantidas cos equipos directivos.
Ademais, indicou que nos próximos días estará lista unha guía de "práctica" de preguntas e respostas sobre o protocolo para facilitar que o coñezan os pais e nais.
Pomar insistiu na aposta pola docencia presencial e manifestou que "a día de hoxe" ese é o plan da Xunta, polo que "salvo que no momento en que se vaia a comezar o curso as autoridades sanitarias recomenden o contrario", o 10 de setembro empezarán a acudir aos seus centros os nenos de Infantil e Primaria e o 16 farano os de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.
A titular de Educación reflexionou que "en ningún sitio" os cidadáns están "libres" dun contaxio e os centros educativos teñen a "vantaxe" de ser "lugares estruturados" cunha "disciplina" que os menores "interiorizan".
COMITÉ CLÍNICO
O vindeiro mércores haberá unha nova reunión do comité clínico de expertos, na que se abordarán medidas relacionadas coa 'volta ao cole'. A conselleira indicou que se definirá o uso das máscaras nas escolas, as medidas para Infantil e a xestión dos brotes.
Ademais, explicou que a Xunta está "a ultimar" a xestión do test serolóxicos que se farán aos docentes antes de empezar o curso. Prevé que se fagan 40.000 probas e, por outra banda, que persoal do Sergas dea formación a máis de 4.000 profesores para encarar este curso.
GUÍA SOBRE O PROTOCOLO
No caso de que haxa un confinamento, a conselleira asegurou que Galicia está preparada para a docencia telemática.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.