Aumentan a 13 os pacientes en UCI tras confirmarse 2.452 casos activos da COVID en Galicia

Tamén aumenta o número de pacientes hospitalizados, que pasa de 76 a 82.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 24/08/2020 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

Os casos activos de COVID-19 en Galicia incrementáronse en 146 máis nas últimas horas, ata alcanzar os 2.452, segundo os datos actualizados que deu a coñecer este luns a Consellería de Sanidade. E os pacientes na UCI aumentaron xa a 13.

Así, o Sergas confirmou que a área sanitaria da Coruña mantense como a máis afectada, con 1.236 casos (29 máis que hai 24 horas), seguida pola área de Lugo, con 321 casos (17 máis) e a de Santiago, con 274 casos rexistrados (62 máis). Na área sanitaria de Ourense, este luns notificáronse 212 casos (9 máis); outros 155 na área de Vigo (un máis); 141 casos na área de Pontevedra (21 máis); e 113 casos activos na área de Ferrol (7 máis).

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

O número de pacientes afectados por COVID-19 nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de hospitais galegos incrementouse en 3 nas últimas horas, e ascende a 13, mentres que outras 70 persoas atópanse ingresadas 'en planta'. Así, aínda que o Sergas informara de 12 pacientes en coidados críticos á primeira hora (datos solicitados ata última hora deste domingo), coa última actualización a cifra ascendeu a 13. Sanidade confirmou tamén o aumento de pacientes hospitalizados, que pasa de 76 a 82.

Desde o inicio da pandemia, morreron con COVID-19 en Galicia 633 persoas, das que case o 44 por cento, 278 persoas, eran usuarios de centros residenciais. Destes últimos, 134 afectados faleceron dentro dos propios centros xeriátricos.

Por outra banda, realizáronse ata o momento 305.847 probas PCR (máis de 3.000 nas últimas horas) e curáronse 11.956 persoas, o que supón 67 novas altas epidemiolóxicas desde o domingo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta