A CIG denuncia que Educación non fará unha "limpeza COVID" nos seus centros educativos

Di que non prevé aumentar o persoal de limpeza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2020 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A CIG, a través dun comunicado de prensa, denuncia que a Consellería de Educación "non prevé o aumento de persoal de limpeza nos seus centros educativos". Así, advirte de que as escolas de infantil, primaria, institutos de ESO, Bacharelato, educación especial, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e Formación Profesional da Xunta "van abrir as portas sen a seguridade suficiente fronte á COVID-19, ao non poder garantirse a hixiene, desinfección e limpeza adecuada das súas instalacións".

Para a central nacionalista, é "inasumible" o protocolo que pretende implantar, posto que as tarefas de limpeza aumentan sen incrementarse o persoal. "Co traslado dunha persoa de tarde para tarefas COVID para a mañá provócase que, na práctica, non se faga unha limpeza ordinaria pola tarde e moito menos unha limpeza COVID", afirma a responsable de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos.

Burgos explica que do protocolo "despréndese" que Educación "pretende" que haxa persoal nos centros polas mañás, durante "aproximadamente tres horas cada día", e que se limpen "determinadas zonas" varias veces ao día.

Por iso pregúntase "quen vai facer a limpeza de tarde se se traslada a unha persoa para a mañá, se antes este persoal xa tiña unha elevadísima carga de traballo e non lle sobraba tempo de xornada para facer máis". De acordo cos datos da CIG, o cociente actual de persoal de limpeza nos centros educativos é de 1.800 metros por limpadora e con base nisto deséñase o persoal.

Unha funcionaria limpadora traballando
Unha funcionaria limpadora traballando | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta