CESM: "a Atención Primaria non pode máis, está saturada... Usan os médicos como rastreadores"

Pídenlle á Xunta máis recursos humanos para os centros de saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) esixe á Xunta recursos humanos para os centros de saúde "porque a Atención Primaria non pode máis".

Así, CESM remitiu unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na que fai un diagnóstico da "situación real" dos médicos e na que avisan de que "a Atención Primaria xa non pode máis, debido á sobrecarga de traballo que soportan os facultativos que prestan os seus servizos" nos centros de saúde desde a irrupción da pandemia, e esixen ao Sergas "os recursos humanos suficientes para evitar unha crise irreversible".

A delegada de Atención Primaria de CESM Galicia, Matilde Maceira, e o presidente, Ramón Barreiro, expoñen na súa misiva ao titular de Sanidade que "a crecente demanda asistencial que vén sufrindo o persoal sanitario desde o pasado mes de marzo abocou aos médicos a unha situación física, psicolóxica e profesional límite".

Unha das razóns, explican nun comunicado, "é a imposibilidade de cubrir as ausencias de compañeiros por falta de médicos de familia", consecuencia, ao seu xuízo, "dunha ausencia total de planificación e dunhas condicións laborais precarias que impiden satisfacer a demanda real de facultativos".

"A esta situación de sobrecarga de traballo temos que engadir os labores de diagnóstico e seguimento de pacientes con coronavirus, funcións de rastreadores que a propia consellería atribúe aos médicos de Atención Primaria, ante o fracaso do sistema de seguimento de contactos infectados impulsado polo Sergas ao non contar co persoal necesario para realizar estas tarefas", sinala CESM.

Os facultativos indican que "por se non fose suficiente", tamén a decisión de solicitar PCR COVID-19 a todos os traballadores sanitarios que se incorporen ao seu traballo, e aos novos ingresos nas residencias "recae no médico de Atención Primaria, un traballo puramente burocrático", que, destaca CESm, "require polo menos dúas consultas como a solicitude de proba e a comunicación de resultados, co que a carga de traballo continúa crecendo".

CESM Galicia reprocha a Vázquez Almuiña que "as múltiples medidas negociadas, consensuadas e aprobadas en numerosos grupos de traballo ao longo de 2019 para dar unha solución á crise foron estériles" e, lamenta este sindicato, "a pesar do enorme esforzo realizado, nada se fixo para mellorar as condicións laborais na Atención Primaria, xa sobrecargada por falta de persoal para coberturas de ausencias, limitacións para permisos, vacacións ou baixas antes da irrupción da pandemia".

"TEN UN LÍMITE"

Os facultativos explican que á situación de sobrecarga de traballo que padecían previa á irrupción do coronavirus, desde o mes de marzo se lles "engadíronselle as funcións de diagnóstico, seguimento, illamento, identificación e agora a de rastreadores".

"Pero a responsabilidade profesional ten un límite, o esgotamento físico e psicolóxico do médico tamén e a Atención Primaria xa non pode máis", subliña CESM no seu comunicado.

Con este diagnóstico, CESM Galicia reclama á Consellería de Sanidade que "dote aos centros de saúde dos recursos humanos suficientes para afrontar a crecente demanda asistencial" e, conclúe, "non chegar a unha situación irreversible que a sociedade non merece e que a Administración ten a obrigación de evitar".

Profesionais da atención primaria visitan usuarios de residencias
Profesionais da atención primaria visitan usuarios de residencias | Fonte: ICS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arteixá

Hai plan: o plan é a precarización da sanidade pública para forzar a xente a contratar seguros médicos e que estes exerzan o seu monopolio, como xa o fan mas residencias de anciáns, cuxo prezo sube sen parar malia os precarios servizos q ofrecen.