Ordes continúa en pé de guerra para evitar un macrovertedoiro de animais na comarca

Asociacións veciñais suman xa mil sinaturas para evitar un vertedoiro de 100.000 m2 que recibiría reses mortas de España e Portugal.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

104.000 metros cadrados con toneladas de reses mortas. Esa é a idea contra a que se veñen de unir diversas asociacións veciñais e plataformas da Comarca de Ordes nunhas mobilizacións que conseguiron recoller xa máis de 1.000 sinaturas. As alegacións serán presentadas ó Concello de Cerceda -onde estarían dispostas as instalacións- para tentar frear unha construción que podería supoñer "riscos de contaminación ambiental" e "cheiros insoportables", segundo os veciños.

Veciños de Ordes coas alegacións ó macrovertedoiro de GESUGA
Veciños de Ordes coas alegacións ó macrovertedoiro de GESUGA | Fonte: Salvemos a comarca de Ordes

A resposta social contra a instalación de GESUGA foi tal que, segundo os organizadores, "provocou momentos de colapso nos rexistros de moitos concellos da comarca de Ordes e arredores". Queda no aire se as máis de mil sinaturas presentadas serán suficientes para que a empresa dea marcha atrás e decida non levar ó concello coruñés quilos de reses mortas procedentes de Asturias, Cantabria, León e o norte de portugal. 

Para as asociacións convocantes, resulta importante poñer freo á construción da instalación para evitar que a comarca, "e por extensión Galicia", se convirtan no "vertedoiro do noroeste da península". O concello de Cerceda xa conta co vertedoiro da Areosa -que sería obxecto da ampliación- e a central térmica de Meirama, cuxo peche o pasado mes de xuño abre a porta a dispoñer unha planta de biogás e un parque eólico.

APOIO SINDICAL

A proposta dos veciños para paralizar a ampliación das instalacións tamén recibiu o apoio do Sindicato Labrego Galego, que se manifestou en contra do proxecto por "primar o interese económico sobre o dereito da poboación". Á parte, e segundo subliñan fontes da organización, a actividade actual de GESUGA "xa vén provocando un enorme impacto ambiental e serias molestias na veciñanza de varios quilómetros á redonda".

A clave da alegación veciñal recae en que, segundo apuntan dende as asociacións, as actuais instalacións de GESUGA "non se axustan á lexislación e a normativa urbanística en vigor", de xeito que o planeamento do Concello de Cerceda "non pode ser modificado para este fin". Ao fío deste dato os afectados están empezando a considerar que accións se poden tomar para restituír a legalidade urbanística e ambiental.

 

ESCASA TRANSPARENCIA

 

Tal e como destacan os veciños, o promotor da modificación puntual do planeamento é a propia empresa, cando esta figura urbanística "está reservada unicamente para os concellos", o que podería constituír un "vicio" de forma na propia tramitación, advertencia que tamén fai o secretario municipal no seu informe, e tamén se incorpora nas alegacións presentadas.

 

Asemade, os colectivos denuncian "dificultades" para acceder á documentación do proxecto, que "debería estar exposta". Case unha semana despois de iniciado o proceso de exposición pública "non se podía consultar a documentación nas oficinas municipais, e en ningún momento estivo exposto na páxina web do Concello de Cerceda", destacan. O "incumprimento de acceso á documentación e unha vulneración dos dereitos da veciñanza que tamén se denuncian nas alegacións e polo que se entende que o prazo de exposición para este proxecto debería volver a comezar". 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 km0

Nos paises do norte estan empregando planchas de carbono para que non saian os cheiros das plantas de biomasa.. Agardo que canto menos aquí, obriguen a estas empresas a respetar a vida dos veciños

1 miñoca

Respetar a vida dos veciños? Tremenda utopía