Así afecta a "saturación" da sanidade pública ás residencias: "non nos queda persoal sanitario"

"A necesidade de enfermeiros na sanidade déixanos sen persoal, en mans de auxiliares que están sobrecargados", denuncian dende o centro de atención a maiores de Taboadela.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A "saturación" da sanidade pública denunciada polo sindicato médico CESM comeza a amosar síntomas máis alá da propia Atención Primaria. E é que "situación límite" de hospitais e centros de saúde comeza a penetrar tamén en residencias e centros de atención a maiores. Así o denuncia a CIG de Ourense con respecto ó Centro de Atención a Persoas Maiores de Taboadela, que -segundo destacan- non conta xa con persoal sanitario logo de que este fora reclamado pola sanidade pública.

Un sanitario en Foz. Carlos Castro - Europa Press
Un sanitario en Foz. Carlos Castro - Europa Press

"A necesidade de enfermeiras e enfermeiros na sanidade pública deixa as residencias sen persoal sanitario", resumen dende a formación. De acordo co sostido pola Confederación, o CAPM de Taboadela tería quedado sen un só sanitario para atender ós anciáns en plena pandemia. Dende o sindicato califican de "lamentable" unha circunstancia da que responsabilizan de xeito directo á Consellería de Política Social.

Neste aspecto, a CIG afea á Xunta que "non dote o centro de persoal sanitario" en plena pandemia de covid-19, de xeito que a labor dos coidados e a súa conseguinte responsabilidade queden en mans dunhas auxiliares "xa sobrecargadas de traballo". Ante esta circunstancia, a Confederación insta ó goberno galego a que "dote este centro de persoal de enfermería" para poder facer fronte de xeito efectivo á pandemia de covid-19.

OS RASTREXADORES DA XUNTA

A denuncia da CIG chega pouco despois de que o sindicato médico CESM alertase de que a Atención Primaria se atopa nunha situación "límite" e que "xa non pode máis". Fontes do sindicato apuntaron a unha "sobrecarga de traballo" que estaría vencellada á "crecente demanda asistencial" motivada pola pandemia pero tamén á "ausencia total de planificación" por parte da Xunta.

En liñas paralelas, o CESM afea á Xunta que descargara sobre a Atención Primaria os "labores de diagnóstico e seguimento de pacientes con coronavirus", unha responsabilidade que se suma á "sobrecarga" denunciada e que, apunta, veu motivada polo "fracaso do sistema de seguimento de contactos infectados impulsado polo Sergas ao non contar co persoal necesario para realizar estas tarefas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta