Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 12:44
Conforme avanzan os días e se vai achegando a data de inicio do curso escolar máis incerto da historia vanse tamén acumulando as presións á Xunta de Galicia para que retire o actual protocolo e opte por outras medidas de prevención. A última voz en sumarse a este clamar é o das nais e pais que integran a Confederación de Anpas Galegas, que veñen de dirixir unha carta aberta ó presidente da Xunta para transmitirlle o seu descontento a respecto da norma.
As denuncias da Confederación discorren paralelas ós puntos que levan ocupando as críticas de sindicatos, docentes e asociacións ao longo destes meses, destacando a "distancia mínima" entre rapaces -na práctica de menos dun metro-, tan reducida que "resulta difícil atopar aulas onde non se cumprira xa de antes". E é que, advirten as Anpas, o retorno ás aulas será desenvolto de xeito "case ordinario", "con algo máis de limpeza se cadra", pero sen cambios substanciais con respecto ó ano pasado. Ante esta circunstancia, pais e nais recoñecen o seu "medo" e "preocupación" a que os seus fillos "vaian ó colexio a contaxiarse" e "traian a desgraza á casa e á vida dos mariores".
Ante esta circunstancia, a Confederación insta ó goberno 'popular' e "rectificar" a súa postura, retirando o protocolo e dispoñendo no seu lugar unha serie de normas que poñan fin á "inexplicábel teimosía" da Xunta "en manter unhas normas que se fixeron hai meses, para unhas expectativas sanitarias que hoxe están feitas anaquiños". E advirten: "comezar o curso hoxe mesmo, xa non digamos coa previsión a quince días vista, coas normas insuficientes e ridículas que están nas mans dos centros, é condenarnos a repetir o que xa vivimos".
OS COLEXIOS, FOCO DE CONTAXIOS
Tal e como xa destacou o presidente da Confederación en declaracións a Galicia Confidencial, o principal foco de preocupación das nais e pais é que os contaxios que poidan ter lugar nas aulas vaian máis alá destas, afectando á sociedade en xeral. Por iso instan a Feijóo a que actúe contra o "medo" que "se está a transmitir entre a sociedade, que vai impregnar os centros escolares, que afecta ao alumnado, ao profesorado, ás familias, ao persoal non docente, a calquera que entre nun centro escolar". "Ese medo, presidente, non lle fai pensar que quizais non se están facendo ben as cousas?", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.