A CIG denuncia ante a Inspección de Traballo a falta de "protocolos serios" nas escolas infantís

Considera que as medidas de protección son "inaplicables" sen non hai un incremento de persoal. A Xunta insiste en que o regreso ás escolas "será seguro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

A CIG rexistrou de forma telemática unha denuncia ante a Inspección de Traballo en Galicia para que "garanta unha reapertura segura" das escolas infantís na comunidade, posto que non se realizaron avaliacións de riscos laborais en cada centro nin hai, ao seu xuízo, "protocolos serios" contra a covid-19.

Unha representante de CIG Autonómica, Zeltia Burgos, explicou en declaracións aos medios, acompañada de varios delegados sindicais reunidos fronte ás instalacións da Consellería de Política Social, que "a día de hoxe" non se facilitaron os horarios de traballo ás traballadoras, que se incorporan o 1 de setembro, e non se sabe "como van ser eses chamados grupos burbulla".

Estes grupos, expostos para que os integren sempre os mesmos nenos e os mesmos profesionais ao seu cargo, son "a medida fundamental a medio e longo prazo" para o coidado dos máis pequenos, dixo Burgos, que pediu que se garanta a parella educativa en todos os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio de Igualdade e Benestar.

Este modelo, que supón que hai dous profesionais a cargo dun grupo determinado de menores, non é o que se aplica en todos os centros dependentes da Consellería de Política Social, de modo que nos casos nos que non o hai, se un bebé presenta síntomas, queda illado e actívase o protocolo covid-19, "e o resto dos bebés quedarían sós", expuxo a sindicalista.

O protocolo "unilateral" da Xunta, agregou, é "inaplicable e inasumible" se non hai un incremento de persoal. "A custo cero isto non vai", manifestou.

"INSEGURIDADE" PARA PROFESIONAIS E FAMILIAS

Burgos considerou que "non chega" con que os pais non poidan acceder ao interior e deban levar máscara. "Iso non son medidas preventivas serias", protestou e destacou que "non hai avaliación de riscos laborais en cada centro".

Hai, proseguiu, unhas 2.000 traballadoras que aínda non saben como van ser os seus horarios de traballo nin como se resolven as medidas de conciliación solicitadas ou como deben afrontar as tarefas se están embarazadas. "É o peixe que se morde a cola e é unha inseguridade total para os compañeiros, para os nenos e para as familias", criticou. Así, pediu á autoridade laboral que tome medidas e "obrigue a que se fagan avaliacións e uns protocolos serios e de forma consensuada con toda a comunidade".

Delegados da CIG presentan unha denuncia ante a Inspección de Traballo para pedir garantías para as traballadoras de escolas infantís
Delegados da CIG presentan unha denuncia ante a Inspección de Traballo para pedir garantías para as traballadoras de escolas infantís | Fonte: Europa Press

"SEGURIDADE"

As medidas do protocolo para o próximo curso nas escolas infantís "garanten a máxima seguridade e protección" para os menores e o persoal, de modo que as familias poden afrontalo "con toda a tranquilidade", afirmaron este xoves fontes da Consellería de Política Social.

Tras as críticas da CIG, a Xunta destacou que as medidas para a reincorporación foron elaboradas polos expertos sanitarios da comisión de xestión da crise da covid-19. O protocolo, agregaron as mesmas fontes, foi "presentado e debatido" coas organizacións sindicais, que o coñecen "desde o mes de xuño". Para "garantir a correcta aplicación", o persoal recibiu cursos de formación e estivo en xullo nas escolas pondo en práctica as medidas, indicaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta