O BNG pide que se consideren accidente laboral os contaxios do persoal de axuda no fogar

Critica que a Comisión Europea non prevé unha lexislación para a recollida e tratamento de máscaras e luvas dun só uso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O BNG pediu no Congreso que se equipare o persoal de axuda no fogar ao sanitario para o caso de que se contaxien da covid-19 e que sexa considerado un accidente laboral. Os nacionalistas reclamaron para iso que se modifique o Real Decreto 27/2020 para que se inclúa ás traballadoras e traballadores de axuda no fogar. Son, argumentou o deputado Néstor Rego, "un grupo vulnerable, imprescindible e esencial" que "ten que ter os mesmos dereitos que o persoal dos centros sanitarios e sociosanitarios".

O BNG reclama unha rectificación ao Goberno español e critica que "se volve a ignorar" a este colectivo, ao que se "invisibiliza". Os profesionais da axuda no fogar, destacou, traballan con persoas especialmente vulnerables que están nos seus domicilios, onde poden recibir visitas de amigos e familiares, polo que a protección é "fundamental" para evitar a expansión do virus.

Por outra banda, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, criticou que non haxa na Unión Europea un programa para garantir a recollida e tratamento de máscaras e luvas dun só uso para tratar de reducir o impacto sobre o medio ambiente.

"FALTA DE RESPONSABILIDADE"

A Comisión Europea recoñéceo en resposta a unha pregunta de Miranda, indicou este xoves o BNG, que considera que esta situación é "unha terrible falta de responsabilidade", posto que, no mesmo documento que di que non prevé lexislación neste sentido, indica que coñece os "efectos negativos da pandemia e do uso cada vez maior de equipos de protección médica dun só uso".

Miranda manifestou que esta é "unha reacción lenta e tardía da Unión Europea, se é que nalgún momento decide tomar iniciativas respecto diso", e criticou os "atrasos" para activar o plan de reconstrución.

Empregada do fogar / CCOO/UXT - Arquivo
Empregada do fogar / CCOO/UXT - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta