Médicos galegos avisan: "para controlar a epidemia hai que asumir riscos"

Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria di que "fan falta outro tipo de expertos, sociólogos, antropólogos e comunicadores que axuden aos epidemiólogos a propor medidas aceptables socialmente"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

"Para controlar a epidemia hai que asumir riscos", manifestou o doutor Santiago Pérez Cachafeiro, médico de familia en Cambados e membro do Grupo de Enfermidades Infecciosas da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec).

A través dun comunicado remitido por Agamfec, o doutor Pérez Cachafeiro subliñou que a COVID-19 supón "unha enfermidade de transmisión social que ten que ser abordada mediante intervencións sobre a sociedade, non medidas restritivas que a poboación busque como saltarse". "Volver ao estado de alarma non debería ser unha opción", subliñou.

Neste sentido, resaltou que "fan falta outro tipo de expertos, sociólogos, antropólogos e comunicadores que axuden aos epidemiólogos a propor medidas aceptables socialmente", e "non clínicos que consideren á poboación como un conxunto de seres inmaturos que só responden a medidas coercitivas, medidas que doutra banda son as máis fáciles de tomar pola clase política".

"Porque os políticos teñen aversión ao risco e para controlar a epidemia hai que asumir riscos: O risco de equivocarse (ou non) con campañas de concienciación adaptadas socialmente e non politicamente correctas", incidiu.

A iso sumou "o risco de aumentar as consultas presenciais nos centros de saúde, mellorando as salas de espera e aumentando os custos de prevención" e o de "reducir o número total de consultas por médico para evitar un previsible exceso de mortes e discapacidades no futuro por mala calidade asistencial, á conta de que baixe a satisfacción dos usuarios de Atención Primaria, pero mellore o nivel de saúde colectivo".

Tamén apunta "o risco de ser transparentes na xestión dos datos e facilitar o acceso aos mesmos para que calquera poida achegar, incluso o non afíns e os críticos". "E iso implica tamén acceso a nivel local nos centros de saúde", abundou.

Así mesmo, suma o "risco de non ser entendido nin respectado polos medios de comunicación ou os cidadáns tras meter a pata de boa fe...". "Moitos riscos para unha clase política que non é capaz de tomar decisións en prazos de tempo curtos, máis aló de prohibir e confinar ao máis puro estilo paternalista e autocrático, o cal non é senón despotismo pandémico", sostivo o doutor Pérez Cachafeiro.

Pero para este profesional sanitario, indica Agamfec no seu comunicado, "o confinamento non é custo-efectivo, non supón senón o fracaso da planificación previa e unha condena en termos de AVAC (anos de vida axustados por calidade) para a poboación máis nova". "Iso suporá uns custos brutais a longo prazo para o sistema sanitario e para a sociedade en xeral", avisou.

"Sentémonos dunha vez a propor medidas aceptables e non só prohibicións, porque unicamente van funcionar ata que a xente atope o oco por onde trampearlas", advertiu. "E entón culparemos á xente, que non somos senón nós mesmos", concluíu.

Médicos.. Eduardo Parra - Europa Press
Médicos.. Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta