As escolas infantís de Santiago abren este 1 de setembro ao non detectarse positivos entre os traballadores

O alcalde di estar "pendente" do próximo luns día 7, cando a Xunta prevé ter listo o protocolo definitivo de prevención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/08/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As escolas infantís municipais de Santiago inician o curso este 1 de setembro ao non detectase ningún positivo en covid-19 no test do persoal, segundo informou este luns o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. "Salvo novidade" nas horas que quedan, a apertura "está prevista" para este martes, ratificou.

A preguntas dos xornalistas, o rexedor pediu "un pouco de coidado" a Compostela Aberta, grupo ao que instou a "non propor o mesmo diñeiro en xullo a unha finalidade e en setembro a outra distinta".

Así, sobre a súa proposta de destinar a gasto social recursos dedicados ás festas, Bugallo explicou que "os recursos que non se consumiron para as festas están a utilizarse para promoción de actividades económicas".

"Non hai recursos sobrantes, senón que se están reconducindo a actividades máis produtivas de acordo coa situación actual", expuxo.

En canto aos servizos sociais, afirmou que "de momento non hai ningún recorte e menos por gastos noutras materias". De feito, asegurou que "se incrementaron enormemente as prestacións que se estaban mantendo" e engadiu que "se seguirá facendo", pois hai dúas prioridades no Consistorio: "a atención aos que máis o necesitan e o apoio á reactivación económica", segundo enumerou.

PENDENTES DO LUNS 7

Pola súa banda, o primeiro edil socialista sinalou que o seu goberno segue "pendente" do próximo luns día 7, cando a Xunta prevé ter listo o protocolo definitivo de prevención fronte á covid-19 para os centros de infantil e primaria.

Así, "se a consellería considera que debe haber cambios non previstos", o alcalde non descartou "a posibilidade de demorar uns días a apertura dos colexios", prevista para o día 10, "porque efectivamente entre o día 8 e o 9 non é demasiado prazo de tempo no caso de que haxa moitas novidades".

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

A xunta de goberno local, segundo indicou Sánchez Bugallo, autorizou varias licenzas de obras, e viu o convenio subscrito coa Xunta e co ministerio sobre o plan estatal de vivenda 2018-2021 (entre outras cuestións acórdanse unhas achegas extraordinarias para rehabilitación no centro histórico, no grupo de Pontepedriña e para Vite).

Tamén acordou o pago de facturas, "boa parte delas" correspondentes ao programa de billete especial de compra e outras a favor de provedores, como a empresa de instalacións municipais ou de mantemento dos ascensores, e formalizou a operación de crédito prevista nos orzamentos por 1,2 millóns con Liberbank.

Por último, ratificou o convenio entre a asociación de empresarios do Polígono do Tambre e o Concello para impulsar os centros de biotecnoloxía e determinadas actuacións, por importe de 50.000 euros.

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA (YOUTUBE)
O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA (YOUTUBE) | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta