Investidura.- Feijóo aos docentes: "Teñen que comezar o curso e cumprir como o resto de traballadores"

Rexeita aprobar "estadiños de alarma", di en alusión á proposta de Pedro Sánchez. Promete dar "resposta" á pandemia na súa cuarta lexislatura porque "poderá gobernar desde o primeiro momento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2020 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo un chamamento este martes aos docentes a que "cumpran" co seu deber no incio do curso escolar tras anunciar varios sindicatos a convocatoria de folgas. "Debemos aspirar a que o curso comece, igual que os traballadores das pequenas, medianas e grandes empresas que cada xornada cumpren coa súa deber, tamén a comunidade educativa debe retomar o curso co ritmo que a autoridade sanitaria aconselle".

Son palabras de Feijóo durante o discurso no pleno de investidura que arrincou este martes e no que mostrou a súa "comprensión" coa "preocupación" das familias. "Compártoa, como pai e como responsable educativo", sinalou o dirixente popular, quen dixo que hai que comezar a actividade "coa máxima seguridade e coas máximas certezas".

"Porque, señorías, os nenos precisan educación de calidade, os seus pais non poden converterse nos seus únicos profesores. Os docentes teñen que estar máis aló da pantalla de computador", remarcou Feijóo, quen avanzou un paquete de actuacións no ámbito educativo como un "plan de ensino virtual para cando estes brotes se produzan".

Tamén lembrou as medidas recollidas no protocolo actualizado que se anunciou este luns coa obrigatoriedade da máscara para maiores de 6 anos e subliñou que o inicio de curso será graduado este mes de setembro.

"Que as familias afronten o inicio do curso con preocupación é inevitable. Que o fagan con confusión é un feito lamentable polo que debemos pedir desculpas e que debemos resolver. Eu fágoo con independencia de quen teña máis ou menos responsabilidade porque creo que as administracións o puidemos facer mellor", aseverou.

O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de investidura do XI Lexislatura
O candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de investidura do XI Lexislatura | Fonte: Europa Press

CRÍTICAS A SÁNCHEZ

Por outra banda, ratificou que esta semana enviará ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e a todos os deputados das Cortes unha proposta de Lei Orgánica de Saúde, "conscientes de que debería tramitarse de forma áxil", posto que o tempo nesta crise sanitaria "é determinante".

Así, defendeu "modificar" o marco normativo que rexe para toda España e recoller nel "instrumentos homoxéneos para tomar decisións homoxéneas". "É imprescindible para garantir axilidade e seguridade xurídica nas actuacións de control dos brotes", dixo, para advertir de que para iso é preciso un novo marco legal e non depender "dos criterios e tempos de cada xulgado para tomar decisións", xa que medidas como as do confinamento pasan por ratificación xudicial.

Nesta liña, rexeitou que "a única alternativa é que se vaian aprobando 'estadiños de alarma', cada comunidade cun criterio", en referencia á proposta suxerida polo propio Sánchez en días pasados.

DIÁLOGO COA OPOSICIÓN

Durante o seu discurso, Feijóo, anunciou que a súa "primeira medida" como futuro mandatario autonómico será "a convocatoria da mesa de diálogo social" co obxectivo de trazar "xuntos" os "métodos e obxectivos" para superar a crise económica.

Avanzouno nun discurso no que tamén se dirixiu aos grupos da cámara galega para traballar conxuntamente nesta liña, unha apelación que vén acompañada da súa proposta tamén de crear unha comisión para a reactivación económica e social no Pazo do Hórreo.

Neste sentido,  solicitou o apoio da cámara para converterse no próximo presidente do Goberno autonómico coa apelación a "traballar" conxuntamente en "as urxencias" que xerou a crise do coronavirus, "pero sen esquecer que hai metas, retos e soños aos que Galicia non debe renunciar". "Conto con todos os deputados e deputadas que estamos aquí", proclamou.

Nos últimos compases da súa intervención no pleno de investidura que arrincou este martes e culminará o xoves, 48 horas despois, coas intervencións dos grupos políticos e a votación; Feijóo manifestou que "esta lexislatura é hoxe a do coronavirus", pero comprometeu o seu "empeño" para que termine sendo "a lexislatura do entendemento e a recuperación".

PANDEMIA

Alberto Núñez Feijóo, comezou a sesión de investidura facendo mención á pandemia polo coronavirus e á "brecha emocional" pola crise sanitaria, en especial, entre os familiares das vítimas. Tamén nos primeiros minutos propuxo crear unha comisión para a reactivación económica e social.

"Todo indica que seguirá habendo contaxios", advertiu o mandatario autonómico, quen comprometeu dar unha "resposta" á situación. Así comezou nos minutos da sesión plenaria, na que comprometeu dar "resposta" á pandemia cun executivo que poderá gobernar "desde o primeiro momento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Próculo

Morro supino o de Feixooo, botando vbalóns fóa!!!