Feijóo volve defender a súa xestión "exemplar" ante a Covid e anuncia un novo sistema de test masivos de saliva

Recoñece que agosto foi "demoledor" polos novos gromos e pide responsabilidade para evitar outro confinamento xeral. Promete "reforzar" Saúde Pública e acabar "a renovación integral" do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 01/09/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A pandemia do coronavirus centrou o discurso de investidura co que o 'popular' Alberto Núñez Feijóo pediu o apoio do Parlamento para ser ratificado presidente da Xunta por cuarta vez e no que se marcou retos como o impulso dunha reforma da lei galega de saúde ou que Galicia sexa "pioneira" coa "consolidación" este mesmo mes dun novo sistema de test masivos de saliva.

Ante os deputados da Cámara --só xustificou a súa ausencia a parlamentaria do PP Sandra Vázquez, que foi nai recentemente--, Feijóo reivindicou que Galicia actuou con anticipación na pandemia e que a Comunidade foi "pioneira", por exemplo, no uso da técnica 'pooling', que actualmente analiza de forma conxunta ata 20 mostras e terá capacidade para chegar a 60, aínda que as PCR seguen sendo o método máis efectivo para a detección do virus.

"E propómonos selo cun novo sistema de test masivos a partir de mostras de saliva que se está planificando en Vigo e que esperamos consolidar ao longo de setembro", proclamou. Segundo explicou, este sistema permite que cada persoa, desde a súa casa, recolla a súa propia mostra, rexístrea a través dunha 'app' e a remíta para que sexa avaliada en robots con capacidade para analizar 100.000 probas ao mes

O candidato á investidura subliñou no Pazo do Hórreo que constituirá "un salto cualitivativo" para facer "grandes avaliacións", nas que "loxicamente" se priorizarán nas áreas sanitarias e tamén "en grandes centros de traballo ou afluencia". Con todo, non se save a efectividade desta nova técnica e podería acontecer o que pasa cos test rápidos, que teñen dado falsos positivos e falsos negativos.

RASTREADORES DO EXÉRCITO E ESTRUTURA "REFORZADA"

Na súa intervención, Feijóo puxo o foco no Goberno central, para esixir que se poña á fronte da "resposta" de España fronte á crise, pero tamén esgrimiu en Galicia "seguirá exercendo as súas competencias" apoiados polo comité clínico que asesora ao seu Executivo desde os tres ámbitos de actuación que ve "claves": detección, atención e adaptación.

Neste sentido, aínda que xa transcendera que a Xunta se interesou na oferta dos rastreadores do Exército que anunciou o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, o candidato popular anunciou que completará o equipo de rastrexo da Administración autonómica con "futuras incorporacións" como as que o Ministerio de Defensa "puxo a disposición e que Galicia xa solicitou".

"Test, test e máis test. É o camiño sinalado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e non nos imos a desviar del", garantiu, antes de lembrar medidas xa implantadas como o 'COVID-auto' ou os cribados, e avanzar o novo sistema de test masivos e saliva.

"TOMAREMOS AS MEDIDAS QUE SEXAN NECESARIAS"

Máis aló do test, Feijóo defendeu que, a partir dun determinado momento será "inevitable" aplicar restricións como as que xa están en vigor neste momento en zonas e A Coruña e Lugo. Respecto diso, defendeu que o seu Executivo non dubidará en tomar as decisións que "sexan necesarias". Iso si, sendo conscientes de que "ninguén é infalible".

Feijóo avanzou outros retos para o seu cuarto mandato, como a inclusión de novas patoloxías no decreto que garante tempos máximos de espera ou que a hospitalización a domicilio chegará "ao 100% dos galegos os 365 días do ano".

Ademais, Feijóo remarcou que a lexislación sanitaria é "unha materia pendente" e, como xa anunciara, ratificou, fronte a "estaditos de alarma" con criterios "distintos" en cada Comunidade, que esta semana a Xunta enviará ao Goberno central --precisou que a Pedro Sánchez-- unha proposta de lei orgánica de saúde.

APELACIÓN Á RESPONSABILIDADE E REVISIÓN DOS PROTOCOLOS

Feijóo advertiu que a revisión de protocolos será "constante" neste escenario e admitiu que o mes de agosto foi "demoledor". Neste momento, precisou que en España volven diagnosticarse de media 6.752 casos diarios e en Galicia, aínda que os indicadores seguen por baixo da media estatal, 266.

Así, á marxe das actuacións das administracións, puxo o foco no comportamento individual: pediu responsabilidade e ser "implacables" cos comportamentos que non se correspondan con este principio. Só con esta implicación cidadá, sen "relaxarse" e co "coidado" mutuo poderase evitar "un segundo confinamento xeneralizado", advertiu.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. XUNTA - Arquivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. XUNTA - Arquivo

APOIO DE PEDRO PUY

Na mesma liña se situou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy,que resaltou o discurso do candidato popular á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para remarcar que é necesario atender a situación derivada da pandemia, pero tamén implementar medidas para o futuro. Así, parafraseando ao dirixente popular, sinalou que "o urxente non nos debe facer esquecer o importante".

O portavoz parlamentario popular destacou, así mesmo, a oferta de diálogo para levar a cabo actuacións no ámbito sanitario e remarcou que o Goberno de Feijóo adiantouse "ás situacións en Galicia, que "certamente está mellor preparada". Ademais, destacou a próxima creación dunha comisión no Parlamento para liquidar a crise sanitaria e socioeconómica e o anuncio de que reunirá a mesa do diálogo social como primeira medida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Xesús Ateo Recalcitrante

Eu, por máis voltas que lle dou e baseándome no seu propio discurso, sigo a ver un candidato sen vergoña, incompetente e inutil para as tarefas que unha Presidencia da Xunta de Galicia require.

2 miñoca

"Estaditos de alarma? poidera ser un erro, pero tratándose do Presidente Núñez, poidera ser unha expresión moi...moi guay y moi..moi desternillante. Cánta gracia atesoura.

1 I believe in rock and roll

E a isto como lle chama: https://www.elprogreso.es/video/a-c... Coma se actúa diante de casos así? Xa sei, xa sei... Non toca...Ademais coma se van tomar medidas contra os bares! Escolas e tal.. Xa se irá vendo. Hai que ter unha cousa clariña: ou se actúa clara e contundemente xa coma na China ou en Corea ou non salvaremos a economía que semella ser a única preocupación de tantos. Deixémonso de lerias: medidas drásticas xa.