Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/09/2020 | Actualizada ás 21:35
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que próximos meses a Xunta presentará a Estratexia de atención á soidade non desexada e volverase a pór en marcha, "con todas as garantías sanitarias", o autobús de 'Coidados porta a porta'. Así, na primeira metade da lexislatura, prometeu que Galicia contará "con sete das mellores residencias de Europa": as proxectadas, co financiamento da Fundación Amancio Ortega, nas principais cidades de Galicia.
No seu discurso de investidura, e nun escenario no que as residencias se viron afectadas con intensidade pola pandemia, Feijóo tamén se fixou o reto de "perfeccionar" os mecanismos de resposta e avanzou que se aprobará un protocolo de atención entre estes centros e a rede sanitaria pública, centrado en mellorar o seguimento dos pacientes e avanzar na teleasistencia.
Tamén comprometeu un plan de formación permanente para os traballadores destes centros e reforzar a inspección. Así mesmo, a Xunta prevé deseñar unha nova normativa que regule as condicións de apertura e actividade das residencias de maiores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.