O pequeno comercio pide un "plan de choque" para evitar a "ruína" económica

A FGC cifra en máis de 100 os establecementos que tiveron que pechar pola pandemia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2020 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, cifrou en máis dun centenar os comercios que pecharon en Galicia desde abril por mor da pandemia, que acrecentou a sensación de "ruína" nun sector que aínda non estaba recuperado da anterior crise económica.

"A cousa está moi complicada cando aínda non nos recuperamos da crise económica. Agora isto acábanos de dar a puntilla. Estivemos tres meses pechados e sen ningún tipo de ingreso e afrontando os gastos e agora mesmo están as vendas paradas", analizou Seijas. O empresario lucense reivindicou "un plan de choque moi forte", por parte das distintas administracións do Estado, co fin de "poder subsistir".

Neste seis meses de pandemia pecharon "sobre 100 comercios", dixo e augurou que "o peor de todo é o que está pendente: moitos negocios non van poder subsistir". "Hai que ter en conta que agora moita xente está nos ERTE, teñen aos seus traballadores en ERTE e vaise subsistindo pero no momento de recoller a esas persoas coas vendas non vai ser suficiente para facer fronte aos gastos, o que vai levar máis peches", sinalou.

Precisamente, sobre os ERTE, Seijas espera que o goberno os "prolongue" no sector, e xa non só ata finais deste ano, senón tamén no primeiro trimestre de 2021. "Todo isto leva a unha inseguridade. Encima, por parte dos consumidores hai medo. Sobe o paro, a xente non sabe se vai manter o seu posto de traballo e isto conduce a unha contracción de vendas", subliñou.

Comercio pechado. EUROPA PRESS - Arquivo
Comercio pechado. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta